Opinión

Nadal e destrago

Na época de Nadal é típico converter en bens de consumo masivo os considerados habitualmente de luxo

O destrago vai unido indefectibelmente ao consumo no capitalismo actual. Hai unha lóxica de peso no feito de que iso ocorra: a velocidade de produción dos bens industriais —os que renden beneficios en medida crecente— é máis elevada que a velocidade de consumo dos bens de masa (os que non son de luxo). Se este mesmo proceso pasa coa industria produtora de alimentos vai haber, por definición, destrago. Os alimentos, ao seren producidos en procesos industriais, caisquer que sexan, e despois seren transportados —ás veces cruzando océanos— seren almacenados, distribuídos e finalmente consumidos, sofren perdas en cada parte do camiño, isto xa é un destrago. Un alimento de proximidade é facilmente consumido sen mermas porque aforra unha parte importante dos quebrantos de cada fase, descrita antes. Non é igual consumir xudías de invernadoiro do norte de África que xudías de horta, por exemplo, da Cheda, de Betanzos ou de Vilagarcía, na época propia do noso clima, por citar un só caso dun ben común, coñecido aquí e que non precisa de clima tropical (como as froitas tropicais) ou de mares lonxincuos (atún ou bacallao). Hai aínda unha fase final do proceso de distribución e consumo final de alimentos que remata no lixo e por tanto no destrago e perda de alimentos: ao concentrar a compra de alimentos en estabelecementos de grande distribución, é a empresa distribuidora —é dicer, o híper ou o supermercado— quen decide o tamaño do envase que se pon á venda: uniformízanse á forza as racións de todos os alimentos envasados. O tamaño é calculado en función dos intereses do que vende, non do que compra, e pódese dar o caso de que ración e necesidade do comprador non coincidan. O asunto remata botando ao lixo o sobrante dun alimento que pode ser perecedoiro, suxeito a caducidade ou simplesmente apodrecer por mandato da natureza viva, e xerar, por tanto, destrago. A cuestión pode parecer que carece de importancia, mais si a ten, e por varias razóns: os prezos que pagamos os consumidores vense afectados (á alza). Ademais, é insostíbel economicamente falando para toda a sociedade destragar recursos da natureza habendo necesidades sen cubrir. O prezo elevado ou a dificuldade de aceso para todos os consumidores constitúe tamén un desaxuste entre venda masiva de alimentos e necesidades dos consumidores. E, finalmente, con esa maneira de producir, oriéntanse os usos da terra de moitos países que fican sen alimentos por producir de forma especializada —monocultivo— té, café, ananás, arroz, eucaliptos ou coca. É dicer, os beneficios en crecemento de uns dirixen e orientan o destino da terra agrícola doutros moitos.

Na época de Nadal é típico converter en bens de consumo masivo os considerados habitualmente de luxo: desde o cava/champán pasando polo marisco, carnes un pouco exóticas ou sobremesas (hiperazucaradas) pasando por tradición o que noutros tempos foi necesidade. Estes excesos cometidos no mercado de alimentos xeran sempre, sempre, e de forma escandalosa, uns restos desastrosos de comida perdida. A pregunta interesante é: como sociedade podémolo permitir?

Comentarios