Opinión

Modas para a saúde (e II)

PARECERÍA MÁIS sensato para gobernar os asuntos relacionados coa saúde pública facer un programa de labores de prevención que proporcionar medicamentos de forma barata. A prevención debería abranxer a constelación de aspectos que están directa ou indirectamente relacionados coa saúde pública. Os asuntos relacionados coa saúde son non só os do público senón tamén o aprendizado social de boas prácticas para os cidadáns que non teñen posibilidade de influíren sobre os que producen bens de uso e consumo.

As persoas que non formamos parte dos gobernos nen das directivas da grande industria non podemos ter control da calidade do ar que respiramos, dos efeitos na pel da roupa que vestimos, da composición dos alimentos procesados que mercamos, nen dos efeitos nocivos a longo prazo dos medicamentos. Se consideramos necesario aprender normas de conduta cívica para conviver en sociedade, é igual de importante/preciso ter coñecemento sobre as cuestións vitais de saúde dun cidadán adulto. Causa asombro que un home ou unha muller maior de idade e despois de 12 anos de escolarización obrigatoria, ignore, case até o alarde, as mais elementais pautas de coidados proprios para a saúde.

Hoxe hai pediatras dedicados á prescrición das normas de crianza e coidado dos nenos: desde o alimento á medicación pasando polas etapas de desenvolvemento infantil e supostamente normal, até a maneira de durmir das crianzas. Pensabamos que os pediatras eran médicos de nenos e non puericultores de pais mantidos a pé feito na ignorancia mais absoluta do entendemento dos procesos de crianza. Non sería mellor e máis económico ensinar, de forma regrada, prácticas de saúde para o conxunto da poboación? Non sería moito máis rendíbel socialmente que as prácticas elementais de puericultura fosen aprendidas por nenos e nenas para saber tratar as criaturas sans, quer dicer, conseguir nenos sans, antes da medicación por descoñecemento?

Os estudos de consumo de pescado entre a poboación máis nova aseguran que o pescado non se consome porque ten espiñas, provoca alerxias…; certo, tamén a tenreira ten ósos, pel e cornos, os polos en orixe teñen plumas, os ovos, casca, e a froita, prana, e non vimos ninguén se aforcar cun corno dunha vaca ou cun óso dun carneiro. O pescado certamente ten espiñas, escamas, tamén aletas, ollos, dentes… o caso é que unha boa parte dos prescritores de alimentos (algúns deles pediatras) leron, sen pasaren polo filtro dos seus miolos, libros escritos na profundidade da Europa central ou dos USA nos que só coñecen o pescado afumado e nos que si é unha temeridade comer pescado: para nenos e adultos. Nós temos un maravilloso pescado fresco, fonte das mellores proteínas de orixe animal e idóneo para crianza dos nenos, previamente preparado, é dicer, cociñado. E moi barato. Ensinando a consumir os produtos nosos, inigualábeis en calidade, facemos un contributo neto á saúde, ao benestar, á economía da sanidade pública e mais a que as multinacionais farmacéuticas se esforcen un pouquiño máis en investigaren curacións e non no mantemento de crónicos/clientes permanentes.

Comentarios