Opinión

Ministra pouco grata

En lugar de pensar e debater sobre o significado do desemprego que se expande, dos Eres que se anuncian (entre outros nos grandes bancos, que desfrutaron de Ertes), do cerramento de empresas, da desigualdade social en aumento, así como das posíbeis solucións que se albiscan a curto prazo, vémonos envolvidos en temas non solucionábeis nos debates, nas tertulias e/ou nos corros de patio. Teñen aflorado reivindicacións de colectivos que desexarían ser vacinados xa. Escoitamos as empregadas de supermercado, os repartidores a domicilio, os transportistas con viaxeiros... e ultimamente os mariñeiros tripulantes de buques de pesca. É observábel o feixe de criterios utilizados para ir chamando aos cidadáns. Feixe de criterios, porque hoxe en día descoñécese a racionalidade da orde dos colectivos chamados. Primeiro parecía que era preferente inmunizar os vellos e os sanitarios. Despois, non estando todos os vellos —non están aínda— seguiuse cos sanitarios, pero non todos (descoñecemos o motivo polo que os dentistas van despois dos celadores de hospital). A continuación son chamados —sen criterio de idade— os docentes de ensino primario, secundario e universitario. Séguese cunha listaxe elaborada, outravolta, con criterios de idade, e así sucesivamente. O pasado día 21, en rolda de prensa, posterior á reunión do consello interterritorial de Saúde, a Ministra de Sanidade respondeu á pergunta plantexada de por que non vacinaban os mariñeiros: «cuando les toque, en el turno que les toque y con la vacuna que les toque». Enteirámonos, xa que logo, de que hai unhas quendas estabelecidas. Só que se sabe ‘a posteriori’. Bon, é parte dun segredo. Aceptémolo. Pero seguimos perguntando o lugar na listaxe das empregadas de supermercado: se hai un grupo de traballadoras expostas desde marzo do ano 2020 son estas. Estamos certos de que hai un día pensado, mais xa tarda. Tamén —sen posibilidade de criterio de idade— as cuidadoras de dependentes, tanto públicas como privadas e/ou domésticas, deberían ser vacinadas na mesma orde que os primeiros. Outro colectivo exposto e considerado no seu día esencial son os traballadores da industria alimentaria. Tamén dependemos deles en calquer situación, e máis en confinamento. Finalmente, o colectivo composto polos tripulantes de buques tanto pesqueiros como da mariña mercante é esencial. De non ser polo transporte marítimo que achegan os bens industriais producidos maioritariamente en Asia, aquí non habería nen micrófonos para as roldas de prensa da señora ministra. O desprezo manifestado pola expresión da ministra polo colectivo afectado por condicións específicas de traballo a bordo dos buques, obríganos a declarala pouco grata (seica "non grata" non me corresponde a min facer a nominación, e fica en "poquito grata") e non por razóns de sensibilidade, non tratamos de sensibilidades, nen moito menos, senón de razóns de realidade material, en que se desenvolve a produción de bens esenciais, como son os da pesca. A ignorancia das condicións técnicas de produción e do risco sanitario asumido nun espazo único, como é un buque, permítenos desexar á señora ministra que, co seu criterio, ela debe comer pescado cando lle toque, na quenda que lle toque e procedente do mar máis contaminado do mundo que lle toque.

Comentarios