Opinión

Micro, medio e gran machismo

Pasadas as celebracións, máis ou menos oficiais, e máis ou menos festivas, do 8 de marzo, convén non abandonar o empeño vital de permanecer nesta especie de trincheira ou estado de alerta permanente para contribuír á derrota do machismo. Unha parte interesante desa alerta persoal é inadmitir, en termos firmes, calquera conduta, calquera trato que supoña discriminación, porque nas batallas diarias non é preciso chegar ás descricións do maltrato para ter percepción consciente da necesidade de combate.

Ao pior, de tanto andar polas alturas esquecemos que, independentemente do adxectivo que se lle coloque (ou que simplesmente faga referencia a un suposto tamaño ou magnitude da discriminación), todas as actitudes degradantes, vexatorias, discriminatorias ou desiguais no trato social, económico, político ou relacional en xeral, que se lle dan nesta sociedade ás mulleres, son pura e simplesmente machismo. Pensamos que é mellor esquecer a consideración de pouco perceptíbel que denotan os micromachismos para, esquecéndonos do tamaño da discriminación, ter un bon mecanismo de identificación e combate do machismo en xeral. Calquera comportamento discriminatorio debe ser eliminado independentemente da aceptación social maioritaria -tamén asumida polas mulleres- para conseguir avanzar no camiño do trato igual a seres humanos/cidadáns: é dicer, persoas en tanto que suxeitos de dereito. Son tan numerosos os casos e exemplos de discriminación, ou trato diferenciado, que poderíamos alongar a relación deles durante varios días. Só a modo de casos vividos e para que sirvan de observación, citarei algúns, que por moi frecuentes, repetitivos e normalizados, non constitúen precisamente condutas exemplares. Vas a un café e, despois de rectificar que por ser muller me corrixan no idioma que falo (café só é rectificado por ‘solo’), ao ir acompañada por un varón que pede unha menta, adxudícaseme a min a infusión e a el o café (é un automatismo). Á hora de pagar, se pago eu, traen as voltas para o varón. Nun concesionario de autos, un home acompaña unha muller que desexa información sobre un auto concreto: vén o vendedor e, ignorando completamente a presenza feminina, explica características ao varón; cando fas sinal de dúbida sobre algún tema, mira de esguello, e continúa falando cara ao varón, que é por definición o entendido e interesado. Vas a unha clínica particular e atopas que as tituladas profisionais (de menor rango que o/a titular) empregadas, tamén limpan, e asúmese como normal. Se nesa clínica a doente é unha muller acompañada dun varón, explícanlle a el a doenza da muller (nen sequer somos suxeitos de doenza). Nun faladoiro de intervinientes ao uso, conviven homes e mulleres, e non é infrecuente que haxa algún home con autoestima completa que trate de forma condescendente as compañeiras: «que ben expós este tema» ou «que fale fulanita, que o fai moi ben» Ou «iso que acaba de dicer menganita non ten pés nen cabeza». É dicer, a sanción favorábel ou negativa está, por lei machista, na posesión dos varóns e desde aí outórgase aprobación, rexeitamento ou indiferenza cara á persoa muller, non ás opinións manifestadas (Continuará).

Comentarios