Opinión

Medo no corpo dos pensionistas

NO PASADO franquista, na transición e, segundo parece, agora mesmo, métese o medo no corpo dos pensionistas cunha ameaza coñecida: poden desaparecer as pensións. Nas épocas pasadas a frase era "poden quitar as pagas", porque se sobreentendía que eran pagas outorgadas pola magnificencia do señor feudal de turno que tiña a ben repartir a modo de dádivas uns cartiños para ir tirando.

Parece que no ideario colectivo, que ficou como un legado do pasado, aínda funciona esa especie de terror, ante un capricho do señor gobernante: somos quen de visualizar o mandatario suprimindo pensións, pagas, subvencións, dereitos e toda canta relación legalmente estabelecida exista.

Realmente hai algo de sospeita acertada neste medo. Débese a unha longa experiencia de autarquismo de gobernos non só non lexítimos senón que tiñan a virtude de se iren deslexitimando a cada paso. Acadar o status de Estado de Dereito, co que isto significa, debe de ser un longo e complicado proceso que aínda está por rematar; proba é a onda actual de propaganda dirixida á mantenta desde o goberno central para orientar ás familias a que vaian aforrando para a súa xubilación e o ensino.

Mirando de novo un pouco cara atrás hai unha explicación, non só formal senón tamén material, ao medo á perda da paga: os titulares das explotacións agrarias galegas, os mariñeiros de baixura, as empregadas domésticas, as da industria con poucos anos cotizados, os autónomos que voluntariamente non tivesen cotizado... non tiñan dereito á pensión de xubilación e non estaban incluídos nun sistema público de saúde. Sabemos que no presente nada disto é así: hai un sistema de saúde pública universal e os incentivos ao funcionamento da privada danse de acordo co modelo español de actuación pública. Non se toma a decisión thatcheriana de privatizar senón que suíñamente se incentiva e se envía negocio á sanidade privada, por certo en mans de capital multinacional. De todos os xeitos, esta batalla está plantexada, hai conciencia fonda do dereito logrado e de que non é en nengún caso un cambio aceptábel: é unha batalla política.

As pensións de xubilación son un dereito estabelecido por lei para garantir aos que, por lei tamén, cotizando durante unha boa chea de anos, gocen dunha xubilación remunerada en base ás achegas dinerarias que empresas e traballadores entregaron. Os sistemas de conversión das cotizacións e o seu depósito en pagas de xubilación son varios posíbeis e, en calquera caso, é un asunto financeiro a resolver polos técnicos do Estado que son ben capaces para este e outros asuntos de moita maior envergadura. Por iso consideramos que utilizar os problemas do fondo de pensións (mal uso?) para sementar terror na vida dos perceptores das mesmas é cando menos un delito de lesa humanidade e un atentado á vida pacífica que merecen o conxunto de traballadores. Aquí, ou emigrados, contribuíron de forma vital ao crecemento económico, ese dos grandes logros, que, disca, converteron o Estado Español nunha potencia mundial.

Comentarios