Opinión

Médicos como policías

Os temas de saúde (máis ben a falta dela) ocupan ben tempo e moito espazo na nosa vida diaria, mesmo podemos dicir de forma masiva: non hai día en que os informativos dos medios tradicionais de radio, prensa ou televisión non ocupen tempo e espazo en informar ou parolar sobre a pandemia e as súas circunstancias. Tamén ocorre —descoñecemos con que intensidade se dá— nos novos medios de comunicación tanto os de orixe coñecida como os do inframundo dos bulos. Semellaría case irresponsábel o recoñecemento de ignorancia das normas de obrigado cumprimento, evolución das cifras de vacinados, as quendas de novos convocados, as novas internacionais referidas ao asunto, os/as recén confinados de coñecida fama, os partes de saúde dos famosos hospitalizados…, aínda que a maior parte desta información sexa absolutamente irrelevante para o goberno particular da saúde de cada quen. Mais a axenda informativa, ordenada por quen ten poder sobre o seu ditado, sobrevoa a cotidianeidade dos cidadáns. Unha certa maneira de se acercar a esta nova forma de entender a responsabilidade individual sobre a propria saúde ten relación co feito novidoso de ser, de súpeto, e por mor da acción do virus, responsabilizados da nosa saúde. A novidade é que pasamos de ser obxecto de tutela médica a sermos titulares da xestión da nosa saúde, así como en certa medida da doenza. A pasaxe sucedeu deste xeito: se ten síntomas de…, acuda ao seu médico. Non se automedique nunca. Non interprete os seus síntomas, pode ser non só enganoso senón gravemente perigoso. O seu médico dirixirá o seu proceso de enfermidade. O seu médico é quen sabe o que pasa no seu corpo (isto multiplícase por cen no caso das mulleres)… e así sucesivamente. Mesmo foi signo dos tempos inmediatamente pasados que os pediatras (ao noso entender, médicos de nenos cando teñen enfermidades) pasaron a ser titores dos país para dirixiren o proceso de crecemento dos infantes: os nenos agora van a revisión (perdón, ían precovid-19) como se fosen turismos ou máquinas-ferramentas. En cambio, agora as mensaxes de conduta exempalr mudaron para o extremo pendular contrario: non vaian ao médico polo só feito de teren síntomas. Non acudan aos hospitais. Eviten aproximarse aos centros médicos, lugares de risco… Este novo enfoque é novidoso na nosa sociedade, xa que as relacións maioritarias así como dominantes estabelecidas na medicina —é dicir, as relacións entre os médicos e os doentes— eran de tutela por parte dos exercentes frente á poboación en xeral tratada como dependente e obxecto. A sanidade pública funcionou maioritariamente como titular do acervo de coñecementos útiles para a saúde e non como un medio para lograr condutas saudábeis da poboación en xeral.

De aí o título de hoxe. Os policías non son os que preveñen os crimes, son os perseguidores dos que delinquen. Non podemos ir á policía para impedir unha actuación porque vaia rematar en delito. Si, en troca, é desexábel que os servizos médicos se dediquen a curar e a previr doenzas dos cidadáns que se conduzan como suxeitos da súa saúde.

Comentarios