Opinión

Macrogranxas? (I)

Resultou algo extemporánea a polémica xurdida polas declaracións do Ministro de Consumo, señor Garzón. Ten razón no que dixo a The Guardian e mais posteriormente: nas macrogranxas os animais están suxeitos a condicións de vida infraanimais; a carne que se produce nesas condicións é de pior cualidade que a producida con animais en liberdade; é pouco recomendábel comer moita carne de baixa cualidade; as granxas masivas representan unha ameaza certa para o meio ambiente e xeran problemas —deseconomías— que hai que resolver despois pola vía do gasto público, cando, en cambio, o beneficio é privado...

Ten razón no contido textual das súas declaracións, aínda que pensamos que infelizmente errou en todo o demais: nomeadamente, por razóns de responsabilidade de goberno, os consellos de orientación de consumo, en xeral, non poden ser dados en abstracto e pondo en cuestión, sen máis, os mecanismos de produción —neste caso cárnicos— que surten o mercado diario. 

Se desde o Goberno de España non existe un proxecto, programa ou plan de reconversión paulatina da produción cárnica actual noutra extensiva, é gravemente frívolo se dirixir aos consumidores para que, sen posibilidade de eleición alternativa a prezo equivalente, orienten as súas demandas cara outros tipos de carne. As unidades de produción de carne (as grandes, as pequenas e as medianas) que existen sobreviven con rendibilidade media de mercado e cumprindo os estándares vixentes, tanto os legais como os económicos. Por iso é igualmente irresponsábel que de súpeto apareza alguén que di: consumide menos carne, e: a carne que se vende é de baixa calidade.

É algo tarde acordar agora cualificar negativamente as macrogranxas por seren a máxima expresión da gandaría intensiva. Para levar o razoamento ao lugar en que debería estar, convén lembrar, aínda que sexa doloroso para algún recén convencido, que a gandaría galega sofreu tan duramente as transformacións requeridas para se adaptar (si, adaptarse, non evoluír desde si mesma) á CEE, que agora resulta magoante escoitar críticas frívolas dos males da gandaría intensiva.

Toda a produción de carne adaptada ao modelo europeo (imposto a sangue, nunca mellor dito) é intensiva: gando estabulado eternamente en granxas de tamaño taxado e calculado para concentrar no menor espazo definido o maior número de cabezas (ou acaso 100 vacas en 500 metros cuadrados está ben?). Este modelo ‘goza’ ademais da vantaxe de facilitar os labores de cuidado, atención, alimentación e transporte, xa que todo o proceso se submete ao cálculo científico de extremo aproveitamento dos recursos alimenticios para o gando, do espazo, do tempo de traballo e de rendibilidade/produtividade física do animal de que se tratar. A intensividade reférese tamén á alimentación do animal: pensos. Nalgunha ocasión —como ficou de manifesto no gravísimo episodio das vacas tolas—, alimento en cantidade sen miramento algún ás leis biolóxicas do ruminante: as vacas son vexetarianas e non se poden alimentar con pensos cárnicos. 

A produción cárnica dominante no mercado de consumo de carne de vaca en España procede maioritariamente de produción intensiva. No noso país, porén, aínda hai segmentos de mercado de carne dunha cualidade extraordinaria, mais este tema cómpre tratalo polo miúdo.
(Continuará).

Comentarios