Opinión

Sen luz e con Fenosa

A nosa historia industrial é longa pero está entreverada de desgrazas varias. Unha parte dos acontementos vinculados ao desenvolvemento da industria de enerxía produtora de electricidade son do tipo do clixé cinematográfico da mafia en USA: non é persoal, son negocios. Con esa regra ética na cabeza leváronse a cabo todo tipo de accións empresariais e de goberno co único obxectivo de proporcionar enerxía eléctrica abundante e a prezo taxado para o crecemento industrial español, xa que non houbo nengunha vantaxe competitiva para Galiza derivada da enorme dedicación ou superespecialización produtiva en electricidade. Mais foi aquí onde se construíron encoros xigantescos (dicíase: Belesar, o segundo encoro máis grande de Europa); foi aquí onde houbo concesións para minicentrais hidroeléctricas; foi aquí onde se construíron centrais térmicas co cuestionábel mérito de ter a chaminé máis alta de Europa (As Pontes) á vez que facía chegar os seus efluvios contaminantes até Inglaterra, e foi aquí onde se anegaron 32 lugares entre Os Peares e Belesar, sendo o máis recordado Portomarín, por cuestión de tamaño; mais tamén en Ourense, Portodemouros, O Xurés... ou nas Encrobas (central de Meirama), a nosa terra está inzada de cicatrices da instalación e funcionamento dunha industria que alumou antes os estadios de fútbol e as rúas das grandes cidades españolas do que, aquí, ser capaz de conducir fluído eléctrico adecuado en Galiza. A partir dos privilexios de que gozou Fenosa (lembremos: "Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.", acrónimo usado para dar nome ao título de conde ao señor Barrié de la Maza), para levar a termo investimentos en Galiza, esperábase (en van, como ficou demostrado) que se crease servizo enerxético á altura dos tempos para a industria, para o agro e para os consumos domésticos. Esperanza inútil. Nen a industria instalada de capital galego gozou de nengún contrato de subministración distinto dos que en distancias de 500 quilómetros se servían nen a agroindustria tivo acceso á electricidade en potencia e carga necesarias para un funcionamento competitivo; e non falemos xa do prezo.

Pois ben, o último episodio que pon de relevo de novo o deficiente servizo acaba de se producir a semana pasada. Como é posíbel —si, é posíbel, non é un filme de terror— que haxa lugares que estiveron sen electricidade 3 días e algúns deficientemente atendidos case unha semana? A propria distribuidora de electricidade que conserva parte do nome orixinal —Fenosa, pero, como é sabido, hoxe é do grupo Naturgy— cifrou o número de afectados en 6.000 familias (non incluíron as granxas de vacas sen muxir).

O feito de nevar non vale para botar balóns fóra: xa que todo o mundo sabe na provincia de Lugo dúas cousas: en inverno neva, nalgúns lugares máis que noutros, e no Fiouco hai néboa case sempre. Tamén sabemos os cidadáns de a pé outras dúas cousas: nos países de neve (con 8 meses cobertos), fixeron os investimentos precisos en liñas para garantir a subministración todo o inverno. Alguén se imaxina Viena ou Chicago sen electricidade cando neva? E outra cousa sabida: no Fiouco non se debería construír nunca un tramo da A-8.

Comentarios