Opinión

Lucenses e mobilidade

ANTES DE mercar unha ‘bici’ e un traxe de neopreno para ir de tacóns e bolso ao Auditorio en inverno, cavilei sobre os problemas principais que ten hoxe en día unha cidade como Lugo, e penso que son os derivados dunha estrutura por idades problemática, e a ausencia de focos de emprego novo. Estes dous núcleos (a composición por idades e a creación de emprego), identificados por nós, están intimamente relacionados: unha estrutura da poboación por idades con moitas persoas vellas non é nengún problema: é o resultado dunha vida rica e sa. Se isto se toma como problema é que algún despistado e un pouco idiota pensa que hai xente que sobra (sempre coa excepción del mesmo) e que non se sabe identificar adecuadamente a relación entre demografía e economía. Unha estrutura demográfica con moitos vellos convértese en problema se non hai xente nova dabondo para garantir crecemento da poboación futura e produción económica coa dinámica dos tempos actuais. Xa que logo, a única forma de rachar esa especie de círculo vicioso é conseguir planificadamente xerar focos de crecemento económico que, creando emprego novo, creen tamén asentamento da nova poboación, impidan emigrar aos proprios e mesmo atraian aos que tiveron que marchar. Crear e reter industria en Lugo e os servizos vinculados ás actividades diretamente produtivas é a única fórmula máxica de mellorar a vida dos lucenses presentes, así como asegurar o futuro vivo da cidade. Para logralo cómpre, primeiro, desexalo; segundo, pensalo racionalmente, e logo, planificar sumando forzas de institucións públicas e privadas para logo ilo executando nun prazo medio (neste campo non hai éxitos inmediatos). É algo así como ter un plan para crear futuro para un ser vivo. A nengún criador de gando, a nengún deportista, a nengún pai se lle ocorre pensar que vai ter logros do día para a noite, pero non por iso desiste, nen incorre en desánimo nen mira con carraxe o mellor ou máis adiantado que vai o seu veciño. 

Lugo ten a súa propria personalidade manifesta no seo da sociedade galega, e das súas necesidades específicas hanse ocupar, en primeiro lugar, os proprios lucenses usando as súas forzas pensantes, xa que sen cabeza non hai pensamento. Para pensar e trazar un plan non é escusábel argüír argumentos de tipo « iso non é cousa nosa», «alguén outro debe facelo»: non vai vir ninguén ter en conta e resolver os asuntos proprios. Non coñezo nengún deportista con pundonor que lle bote a culpa ao vento da súa má marca ocasional: se é bon, non se fixo grazas ao bon vento. 

Lugo debe lograr capacidade produtiva propia partindo dos recursos existentes e da industria instalada: tanto a madura vinculada á produción agrogandeira e pesqueira como a de vangarda; ademais, conta co recurso inestimábel da Universidade ávida tamén de se incardinar no tecido vivo da cidade: desa unión sinérxica non se vai derivar máis que beneficio mutuo. As competencias das institucións son coñecidas —mesmo podemos crer que limitadas— mais a iniciativa e os logros da unión de forzas actuantes públicas e privadas pode lograr resultados con éxito social.

Comentarios