Opinión

Insistindo, lucenses bulrados

Tratabamos o outro día da discriminación negativa que sufrimos os lucenses —e todos aqueles que teñan interese en nos visitar— á hora de atopar boas comunicacións usando o transporte público. Daquela sinalamos como, ao non haber tren, a compañía concesionaria do transporte de viaxeiros por estrada non se sentía estimulada a aplicar os descontos de vértigo da Galiza atlántica. Que se fixo só para competir cos billetes gratuitos de Renfe nesa zona quedou en evidencia ao ver a listaxe de superdescontos: A Coruña-Santiago, A Coruña-Pontevedra, Santiago-Vilagarcía e A Coruña-Vigo. Este tramo último referido custa —para os usuarios de tarxeta de transporte de Galicia— 0,64 euros. Esta rebaixa foi anunciada como un desconto de 45% a engadir ao 50% da rebaixa pública no transporte colectivo por estrada.

O que lle queda aos usuarios lucenses, polo tanto, é utilizar nos desprazamentos desde ou para Lugo un autobús de liña regular(aínda que a regularidade ande ultimamente algo mermada por mor dos horarios ultracomprimidos) e optar ao desconto publicitado e oficial do 50% do prezo normal do billete. Pero (xa sabíamos que habería un pero) ás veces as máquinas non aplican o desconto como arguíu o outro día o condutor/cobrador da liña Lugo-Santiago. O señor cobrador non aplicou o desconto legal estabelecido do 50% co argumento peregrino de que a máquina emisora dos billetes entrara en levitación e non aplicaba o desconto, ergo o pasaxeiro paga enteiro o billete se quere viaxar, e despois reclama. Descoñecemos cal tería sido a alternativa se o viaxeiro se tivese negado a pagar nesas condicións, pero dadas as relacións embrutecidas que se consideran normais no trato dos viaxeiros, moito nos tememos que tería habido violencia física polo medio.

Un lío moi edificante só por querer exercer os dereitos que marcan as normas legais. Atopámonos logo, con que ir a Lugo pódese dar en un autocar con máquina de cobro caprichosa que non aplique o desconto e o cobrador empregado da compañía actúe como apéndice da máquina: albricias!!!! A robotización xa chegou enteiramente a determinados procesos do transporte de viaxeiros. Imos propoñer a esta compañía para o premio mundial de innovación en robotización de procesos asumíbeis electronicamente (inclúe a novidade de máquina con toma de decisións sobre a marcha). A única parte negativa (en realidade é á unica parte) destes feitos é que constitúen unha discriminación para Lugo, os/as lucenses. Dáse o feito de que os posíbeis traballadores en Lugo (non lucenses de orixe) que indagan as comunicacións públicas de transporte de viaxeiros, non se deciden por esta opción. Os empregados públicos escollen antes do destino Lugo calquera outro mellor comunicado.

Os empregados de empresas radicadas en Lugo con unidade familiar noutra cidade ou vila tamén adoptan decisións parecidas e os universitarios elixen centros noutras universidades que teñan mellores comunicacións para esa etapa de aprendizaxe. É evidente que os transportes públicos neste caso xogan a contra, de forma evidente, das posibilidades lucenses de atraer novos habitantes e con eles dinamizar unha parte do tecido produtivo.

Comentarios