lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Industria galega

Semella que só hai empresas grandes, moi grandes, para o tamaño e capacidade política galega, con problemas. Referímonos ás que lle dan en chamar ‘electrointensivas’, e semella tamén que, cando aparece un novo nome, adquire carta de importancia superior aos que non o teñen. O novidoso da cuestión é observar os representantes dos traballadores chamaren pola necesidade de rebaixar as tarifas eléctricas ás súas empresas.

Hoxe en día non hai nada en absoluto que funcione sen electricidade. Mesmo os anteriores titulares do poder político en pleno franquismo, o primeiro que fixeron para emprender o desenvolvemento económico dunha economía posterior ao levantamento, paupérrima, foi se dotar (con fondos públicos e privados subvencionados) de enerxía eléctrica imprescindíbel. Certo que foi elemento útil para os pólos de industrialización designados, porque no caso galego non constituíu motor do desenvolvemento nen de industrialización. Temos (teñen) plantas de produción de enerxía eléctrica na Galiza para dar e tomar: dar, demos todo, e tomar foise tomando en doses controladas e ao prezo sempre marcado polo goberno central de acordo coas empresas produtoras: verdadeiras señoras do poder económico en España.

Hai no momento presente 12.974 empresas industriais en Galiza (Ine, Ige) presentes en todos os subsectores netamente industriais que se consideran . Só en industria alimentaria hai 2.040 empresas. Empregan 185.100 persoas ocupadas, das que o 92% son asalariados directos, empregos directos. O arrastre industrial destas industrias existe en todas elas, é dicer, o número de empregos indirectos asociados non é unha característica das electrointensivas senón todo o contrario. As industrias que son de enclave, como as procedentes das multinacionais estranxeiras, son as que xeran en menor proporción emprego asociado.

O efeito da propaganda repetida até a saciedade do número de empregos que dependen dunha empresa determinada crea unha imaxe falsa da realidade industrial, da realidade empresarial e da importancia dos postos de traballo indirectos asociados/ dependentes doutra actividade. Hai máis industria da que está clamando por aumento das subvencións e/ou das posicións de privilexio relativas.

Tomando só algún caso ben rechamante podémonos preguntar polo prezo da electricidade que paga e pagou historicamente a mediana e pequena empresa industrial: un prezo caro para un ben (a subministración eléctrica) unhas veces escaso, mal servido ou non servido (lembremos os labregos póndose de acordo na hora da muxidura para que chegase a subministración eléctrica para toda a aldea). Vexamos no momento presente cantas industrias medianas e mesmo grandes resolveron o custo eléctrico dotándose de enerxía de produción propia. Valoremos a cantidade de investimento non realizado por escasa dotación de enerxía suficiente en amplas zonas do territorio galego.

Esquezamos a mentira de que aquí o prezo da electricidade é máis caro que en Europa, porque non é certo. E valoremos a ausencia total de investimento novo, innovación, modernización e posta ao dia que fixeron as chamadas empresas electrointensivas. Na nosa opinión foi cero ou moi cerca de cero para non ofender. Que queda de base material da nosa industria? Todo, así como aspirar a unha política económica planificada en función dos intereses do país e non do grande capital mundial do que sería de esperar autosuficiencia.

Industria galega