lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Importan os vellos (III)

Hai máis alternativas que o modelo autonómo ou profesional liberal para seguir en activo, mais haberá que deseñalo

O modelo liberal reformado é o que coñecemos en Galiza: por unha parte, non se considera que os vellos precisen atención pública –máis alá das comidas, bailes e viaxes case gratis e, por outra, por necesidade imperiosa, acódese ao modelo que chamamos liberal reformado: residencias privadas funcionando con privilexios, sen condicións de coidado nin control público; residencias que, sendo privadas, son concesionarias do servizo público de residencias de vellos, como calquera outro negocio a costa de coidar vellos en condicións que debemos cualificar de penosas. Así, existen residencias no medio da nada, con prazas que ninguén quere ocupar porque semella un desterro. En cambio, non hai no medio das cidades: xusto no hábitat onde máis persoas de idade moi avanzada viven soas ou deficientemente atendidas. Hai residencias privadas nas cidades cun número de prazas insuficiente e cun deseño e control público absolutamente inexistente. Hai residencias privadas con prezos prohibitivos para a media de rendas de xubilación, e, ademais, non reúnen ningunha das condicións que son esixíbeis nos centros infantís, desde instalacións até persoal preparado suficiente, rematando pola atención sanitaria diaria. Resultado: contravindo calquera directriz médica de coidado e mesmo de dereitos humanos elementar, encérranse anciáns que non se valen por si mesmos en residencias que se converteron, por mor da pandemia, a ollos de todo o mundo, nunha terríbel antesala da morte. Por estas razóns, a nosa proposta non consiste en afondar no erro de seguir promovendo residencias: é un modelo absolutamente fracasado. Se a vida en sociedade que eliximos de adultos, con independencia física, polo menos, non é a de vivir en colectividades clasificados pola idade —podemos chamarlle cuarteis—, de onde saíu a idea peregrina de que ao envellecer nos vai apetecer nos retirar a un cuartel? Unha residencia acuartelada na que nos obriguen a xugar as cartas, ao parchís ou a pintar bonequiños, en aparencia de entretemento. Os coidados en domicilio son máis baratos que manter o sistema de residencias, se de economía tratamos, e se o tema é o gusto individual, o espazo coñecido, o uso das proprias cousas, desde o leito aos libros, pasando pola roupa ou os recordos que seguen valendo, non hai comparanza con manter cada persoa no seu domicilio, proporcionando o necesario como servizos exteriores, para unha vida digna. Certamente que hai casos de persoas idosas que precisan coidados médicos para seguir existindo, pero ficou en evidencia que as residencias non cobren en absoluto esas necesidades.

Deberá formularse a creación dunha parte dos servizos sanitarios para eses casos. E, finalmente, pero non último, porque este é outro tema, quen dixo que todas as persoas de 65 anos e máis só valen para se xubilaren? Hai moitas máis alternativas que o modelo autonómo ou profesional liberal para seguir en activo, mais haberá que deseñalo.

Importan os vellos (III)
Comentarios