Opinión

Igual

Quérese dicir que todo continúa igual. Igual de ben para os que gañaron as eleicións e igual de soportábel para os que non gañaron: os perdedores son os que non resultaron agraciados. Sistema de reconto á parte —o método d’Hont— a graza dunhas eleccións autonómicas é que se pode cambiar o goberno —o que xa é moito— pero a realidade diaria no sentido económico do termo vai dar pouco de si. Entre as cuestións que levan anos nunha dirección, aqueloutras que son dependentes das decisións centrais, ou recentralizadas, que dependen do goberno estatal, e as outras que son directamente vinculadas ás decisións de empresas multinacionais de obediencia mundial, queda pouco que decidir. A maiores, están os asuntos de obrigado cumprimento que no caso de cambio de goberno pesan como unha herdanza á forza: son decisións non tomadas pero con carga vinculante como é o caso da débeda pública galega: 11.687 millóns de euros (comparemos co orzamento da Xunta do ano 20 que son 10.149 millóns). Hai obras que, se seguen o ritmo que traían até agora, poden atravesar gobernos case sine die. Por exemplo, a autovía Lugo-Santiago. Aínda pode dar moito de si. O próximo ano santo 2021 non estará rematada e no 2027 haberá un motivo de inauguración probábel. Será cousa de ir facendo, pero sen se precipitar. Xa se sabe que as cousas feitas ás présas saen mal. Mirade que ben quedou a estrada Lugo-Santiago anterior (porque foi de 26 anos). Outra obra transversal no dobre sentido da palabra —no tempo e no espazo— é o Ave, que no caso galego, máis que unha ave, semella unha galiña coxa. Tamén é cousa de facelo a modo, moi a modiño, para que vaia a conciencia. As comunicacións dos portos exteriores da Coruña-Ferrol (neste caso pasamos de ningún a ter dobre) tamén seguen pendentes. Non ten maior importancia dada a escaseza de tráficos. É un porto grande en obra e pequeno en negocio: algo habería que facer para que sexa útil, pero tamén xa se verá. As tres universidades seguirán langreando por un financiamento público suficiente. Seguramente se poderá esperar outra lexislatura por un xesto de racionalidade organizativa entre as tres para lograr trato distinto da Xunta. É outro asunto que debe ir con calma. Non convén facer nada relevante, para non destacar. As marcas das lindes costeiras feitas en función da estrutura poboacional e de actividade costeira son unha condición indispensábel para que a aplicación da Lei de Costas non engada irracionalidade á obriga da súa aplicación (visto que no seu día non se modificou o seu deseño). A viaxe pola autoestrada AP-9, de momento, vai seguir costando un ‘potosí’: non é só un gasto individual, senón un custo social engadido ao transporte en Galiza, o que se traduce en inferior competitividade das empresas galegas. Os clientes (pensionistas mesmo) seguiran pagando á forza unha comisión de mantemento (6 euros mes) de conta bancaria no banco herdeiro do que foi caixa de aforros galega.

Que siga todo igual: tanto ten, que xa temos mercado paciencia durante o confinamento…

Comentarios