viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

Hospital lucense (e III)

O HOSPITAL lucense está gañando outra batalla, aquela que transcorreu case silandeira polo subsolo das conciencias: eludir a recordación do Dr. de la Vega Barrera, á hora de denominar o citado centro. Podería ter sido até un fermoso acto de reconciliación e símbolo de tempos novos. Como é sabido, non foi así e a denominación refírese a un certo pasado imperial moi acorde coa festa da queima (Arde Lucus) de xuño. As batallas cidadás pola dotación lograron tamén o recoñecemento da dignidade colectiva.

Seguindo co tema do noso interese, e intentando afondar nos motivos gobernamentais para non dotalo, desbotamos que sexa simple reflexo cacholán. É demasiado burdo pensar que só se actúa por manter o principio de autoridade, no sentido de exercicio do poder por capricho. Polo tanto, xa que non atopamos réditos en actuar para que os lucenses non dispoñan deses servizos, podemos indagar ou esculcar quen perde se se instalaren.

E non nos queda máis lugar onde indagar que na Coruña. Alí é onde peregrinan doentes de Lugo, de toda a área sanitaria, que comprende liñas de estrada de máis de 200 km. á Coruña, que non son precisamente de autoestradas, que 20 quilómetros desde un lugar á capital do concello pode ser media hora de camiño, e que sumada á distancia ao hospital coruñés, son máis de tres horas. Tres horas non son nada. Efectivamente non son nada, pero non sabíamos que nos protocolos de tratamento do cancro se inclúa como normal someter os doentes a 6 horas de traslado por estrada como complemento da radioterapia. Hai que recoñecer que o titular da empresa de ambulancias e transporte medicalizado ha estar ben satisfeito.

Outros cidadáns con réditos positivos han ser os titulares dos servizos médicos públicos da Coruña que receben como caídos do ceo, neste caso da terra próxima, doentes que non lles ocupan lugar no espazo pero si incrementan as súas listaxes de prestación de servizos, logrando aparentar unha eficacia e un uso de recursos superior ao que lle corresponde por poboación e por área. Teñamos en conta que A Coruña acolle a súa comarca (reducida en distancias e moi concentrada en poboación) pero que compite con Santiago, tamén con Complexo Hospitalario Universitario, e que ademais conta con Faculdade de Medicina (para provocación e envexa de certos coruñeses) e abrangue e atende unha área sanitaria da mesma poboación que A Coruña. Aquí tamén é posibel que existan resistencias fortes para dotar a Lugo. O futuro dos servizos con menor área de atención pasará a se reducir, a pouco que exista racionalidade do gasto público.

E finalmente -pero non o último- deberemos contar coas entidades sanitarias privadas que se verán prexudicadas tanto directa como indirectamente. A máis chamativa ao meu ver é o ‘Centro Oncolóxico de Galicia’. Na memoria de 2013, recoñece a súa área de inflúencia A Coruña e Lugo, representando esta o 12,55 da poboación atinxida, pero mais do 26% dos atendidos. Sen os doentes de Lugo este centro tería serias dificuldades para se nutrir do mesmo número actual de clientes.

Hospital lucense (e III)
Comentarios