Opinión

Homilía municipal

HAI UN tempo, había conferencias con coloquio, rodas de prensa con perguntas, mesas redondas participativas, con debate, críticas e, ás veces, perda das formas, reunións con viciños para ouvir mesmo disparates, presentacións de libros con intervención do público, por exemplo, para perguntarlle ao autor e acabar un pouco máis sabidos…; non obstante, na actualidade e grazas á modernidade, co cambio de século, e ao medo escénico ao público, hai conferencias de prensa sen perguntas, con plasma de intermediario, mesas redondas sen coloquio e presentacións de libros que funcionan tipo homilía redonda, que é aquela que se pecha sobre si mesma.

A semana pasada asistimos con grande entusiasmo á presentación dun libro sobre o cuartel de San Fernando. Ao parecer, o autor é un historiador e os seus presentadores, representantes do concello de Lugo, responsábeis de cultura (a concelleira eleita e o funcionario da sección correspondente administrativa). O acto referido ao libro estivo precioso: permitímonos utilizar o mesmo adxectivo usado polo autor para se referir aos planos do cuartel elaborados en séculos pasados e multicoloreados. En cambio, o resultado final, tendo como tiñamos os presentes ansias de coloquio, resultou un pouco decepcionante. Poderíamos dicer que foi igual que asistir a unha homilía que, como é ben sabido, non ten perguntas, nen réplica, nen crítica, nen comentarios nen rectificacións (no caso de seren precisas). Esa parte quitoulle algo de brillantez ao acto que, por outra parte, desenvolvíase no marco incomparábel do vello cárcere (dispensen pola frase: é a que usan nas revistas do corazón e non é o noso caso). Convirán connosco que se debía mudar o nome do recinto porque se presta a confusión; de vello non ten nada: está novo de todo, novos materiais, novas dependencias, novos usos e, por suposto, novo futuro. Eran altas as expectativas creadas para o posíbel coloquio, sentimos dicer nos corredores do 'novo' cárcere. Semellaba que había ansias de comunicación; non obstante, adoita pasar, a xente confúndese: os actos de presentación de libros son para realizar tráfico de ideas procedentes do intelecto e non correntes e vulgares propostas de uso dos edificios. As presentacións de libros son unha ocasión espectacular para regalalos. Para comunicar están os taboleiros de anuncios do Concello, a prensa da localidade, previo pago do anuncio cando sexa obrigatorio por lei, ou ben os actos convocados a mantenta cando os/as edís o consideraren oportuno. Non sabemos como alguén pode esperar desde a máis absoluta das inxenuidades que se poida expor á luz pública, ao debate, un tema nimio como é ese do uso do antigo cuartel: os gobernantes locais asesorados por quen ten de abondo coñecementos e capacidade van decidir o destino de cada edificio vello, mesmo tamén a necesidade de novos. Así pasou sempre e así seguirá pasando, segundo entendemos na citada homilía. Aos lucenses quédalles só pagar, como fixeron no pasado para financiar o cuartel. No presente pagarán en forma de débeda abonábel no futuro inmediato, no próximo e até que faga falta, mesmo contra outras necesidades.

Comentarios