Opinión

O futuro das cidades desde a mobilidade

O futuro, que xa está neste tempo pero non aquí, empeza a se deseñar no presente. Tal e como se albisca en foros mundiais como o que se celebra estes días en Madrid, a Cimeira Mundial do Clima 2019, o futuro do ponto de vista da mobilidade intraurbana será colectivo (transporte público) e en vehículos compatíbeis coa sustentabilidade ecolóxica. Nalgunhas cidades que teñen (ou tiveron) gobernos espelidos xa se teñen adiantado. Nunhas, porque xa hoxe teñen unha estrutura que se foi construíndo pouco a pouco con criterios de racionalidade urbana actual, e noutras, porque sen modificar moito a construción foron tomando medidas progresistas: querse dicer a favor do benestar dos cidadáns, en función da súa calidade de seres humanos. No primeiro caso citaríamos Oviedo, Bilbao, San Sebastián, Vitoria, e no segundo, Pontevedra. Nas primeiras, todas con tamaño todas superior a Lugo, ao igual que noutras cidades europeas, pódese andar polas rúas sen bater cada pouco cun coche privado. Tampouco hai vehículos privados estacionados ocupando espazo público urbano. As rúas, as prazas, os xardíns, os paseos son para andar comodamente os cidadáns, e a necesidade de se trasladar é coberta polos servizos públicos urbanos e interurbanos: autobuses, trens, metros subterráneos e de superficie e mais taxis compoñen as dotacións de medios de transporte. Pontevedra é un modelo recoñecido internacionalmente de cidade habitábel para todos os seus habitantes, así como para todos os visitantes que se queiran achegar á única cidade galega que está utilizada —con gosto- por proprios e alleos mesmo ás tardes dos domingos. O último recoñecemento de Pontevedra, en concreto do labor da súa corporación presidida polo BNG, veu dado pola convocatoria a participar na COP25. Alí, o Concello de Pontevedra, representado polo seu alcalde, acudiu á convocatoria a instancias do Goberno do Estado para expoñer o logro da conversión de Pontevedra nunha cidade peonil. En concreto víase o interese centrado na exposición da necesidade de aplicar medidas noutras cidades que poidan contribuír a reducir a contaminación atmosférica, fenómeno cun impacto claramente estabelecido sobre a saúde humana. O ‘Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social’ apreciou, ao invitar ao alcalde de Pontevedra, as boas prácticas en hábitos saudábeis. Non é unha acción pontual senón que é o resultado de máis de dúas décadas de traballo firme seguindo as pautas recomendadas na Cimeira de Río no sentido de respeitar os espazos urbanos para un uso público colectivo e compartido polas persoas, e non polos vehículos.

Á parte das consideracións que poidan merecer as reunións mundiais do tipo da que hoxe nos ocupa, é innegábel que a saúde humana, tanto física como psíquica, benefíciase nun espazo urbano habitábel máis que noutro onde as rúas semellen restras de autos entolecidos, guiados por condutores e condutoras máis entolecidos aínda. O caos de cidades afectadas pola praga de automóbeis privados gastando combustíbel de forma igualmente entolecida sen necesidade nengunha, é xa unha imaxe do pasado. O futuro está en consumir menos, mesmo menos combustíbeis, nos lugares nos que hai que respirar,quer dicer, viver.