Opinión

O fiasco das vacinas

A ansia xeral de que en 2021 se estaría ultrapasando a pandemia grazas ás vacinas está hoxe convertida nun desespero: non hai vacinas no número que sería preciso para facer unha inoculación masiva e efectiva, non hai moitas trazas dun plan de vacinación masivo, non se aprecia que se estexa preparando persoal para unha campaña veloz e intensiva e non se albisca posibilidade algunha de lle imprimir marcha á solución do problema, a parte dos confinamentos das persoas que non teñen que saír da casa. Cal é a situación do asunto que nos preocupa?

En agosto de 2020 a Comisión Europea, en nome de 27 Estados membros da Unión, asinou un acordo comercial de compra de 300 millóns de unidades de vacina con AstraZeneca. Aínda lle faltaban uns meses para se presentar a ser aprobada pola autoridade comunitaria, Ema, e xa se estaba contratando por adiantado. Se falamos en concreto da compra a Astra-Zeneca, debemos citar como a compañía recebeu 336 millóns de euros coa finalidade de acelerar os procesos de investigación conducentes á obtención da vacina. A colaboración pública comunitaria coas empresas farmacéuticas é unha vella práctica, moi favorábel certamente ao desempeño comercial das mesmas no mercado único europeo, pero neste caso púxose de manifesto que non existe correspondencia entre a produción farmacéutica e as necesidades do mercado interior dos 27 estados membros. A UE reúne estados con servizo público de sanidade pero non ten maneira de garantir que as achegas da industria comunitaria garantan a subministración. Este problema foi o que tratou de solventar a Comisión Europea e ficou ao descoberto o seu fracaso.

A semana pasada deuse a coñecer un documento-vergoña do acordo comercial (contrato?) entre a Comisión Europea e AstraZeneca —agosto de 2020—, un acordo comercial (non nos atrevemos a chamalo contrato porque non coñecemos as cláusulas), polo que a compañía se comprometía a entregar (cando?) 300 millóns de doses de vacinas á UE. Amosouse —despois do descaramento de dicer que era secreto— un documento con máis liñas censuradas que letra interesante: nese intre, inteirámonos de que as normas de boa práctica institucional comunitaria son só para os entes menores e para os cidadáns particulares, porque a Comisión compra, vende e usa fondos públicos comunitarios fóra da regulamentación e sen submeter a nengunha das normas de publicidade, transparencia e concurso entre candidatos con igualdade de oportunidades. A UE debería saber que AstraZeneca non posúe capacidade fabril no seo da UE para responder ao seu compromiso, xa que no mesmo mes a farmacéutica asinou un acordo de exclusividade coa chinesa BioKangtai para fabricar a futura vacina de AstraZeneca e non foi até febreiro de 2021 (02-02-2021) que BioKangtai abre outra factoría para —aumentando a súa capacidade— producir as vacinas encargadas.

Ficou en evidencia que a escolla da UE pecou de precipitación, dunha dose de propaganda incríbel na Comunidade, que non só non cumpriu coa finalidade de atender unha necesidade, senón que amosou ás claras que a ausencia de regulamentación industrial converteuse nunha grande pexa á hora de resolver problemas de saúde.

Comentarios