Opinión

Etiquetado: diferenzas

AS CONSUMIDORAS responsábeis que vivemos —non se dí nada do degrau de voluntariedade— no seo da Comunidade Europea, zona euro, temos a obriga de nos informar correctamente do contido e características dos bens que consumimos. Dicemos obriga porque os fabricantes, expendedores, teñen a súa vez a obriga de nos informar para - dise- salvagardar os nosos dereitos. Uns son alimentos, outros, medicamentos, outros, roupa, bens de equipo doméstico e/ou profisional, automóbeis, dispositivos de comunicación (si, así lle chaman aos teléfonos móbiles)... Na lexislación que goberna o etiquetado dos bens postos no mercado hai uns mínimos que cumpre todo o mundo pero que son moi desemellantes dependendo do produto de que tratemos, e non parece que as diferenzas sexan orixinadas na distinta natureza dos produtos senón que aparentan proceder dun designio case inescrutábel. Poñamos algún caso á vista para ilustrar esas diferenzas.

Etiqueta dun pescado fresco: Infórmanme do nome científico, do comercial, da zona de captura denominación FAO, do método de captura, do nome do barco, do día da descarga...

No etiquetado da roupa figura a composición da materia prima, a empresa responsábel da marca e o pais no que se confeccionou. Hai tamén, en ocasións, unha denominación xenérica que di: elaborado na UE (¿?) O que só aparece na confección de luxo é unha declaración da calidade da materia prima: por exemplo: "este artigo contén só materiais novos".

Nas botellas de aceite de oliva, nos iogurtes, caixas de bolachas, non informan de onde son as materias primas. E... hai consumidores selectivos, que precisan coñecer as orixes.

O envase do pan (aquel que o leva) non di de onde proceden os cereais con que foi elaborado, onde se fixo finalmente, se procede de masa conxelada, e tampouco figuran as componentes cuantitativas: sal, azucre e/ou graxa.

Nos produtos cárnicos de charcutaría non debe de haber obriga de citar as cantidades relativas de sal, azucre e demais conservantes que se engaden ao produto. Tampouco se específican os aditivos en termos cuantitativos.

Xa nen se nos ocorre preguntar polas componentes minerais dos dispositivos que temos pegados á orella un certo tempo diario. Seguramente é mais interesante que o nome do barco da pescada.

Non obstante, e isto si é preocupante, na etiquetaxe dos medicamentos non se nos informa nada destas cuestións referidas á fabricación. Por fóra de saber todos os males posíbeis que poden acompañar a súa inxesta, relatados só para evitar reclamacións, non hai indicación algunha da factoría física onde tal medicamento se compuxo. Non sabemos cal é o pais produtor. Non sabemos as voltas que deu polo mundo. Non se cita se procede, por exemplo, dun país de salarios de miseria e lexislación laboral inexistente; non nos informan, de xeito que, á parte do risco asumido de tomar un medicamento, podamos escoller entre eles, segundo a súa procedencia. Batemos coa industria farmacéutica, e neste caso non hai información para os consumidores que atinxa á fabricación material. Confirmamos a sospeita de que o etiquetado nuns casos é para sobrecargar con información, moitas veces inútil, e noutros é para ocultar coñecemento interesante.

Comentarios