jueves. 21.01.2021 |
El tiempo
jueves. 21.01.2021
El tiempo

Espectáculo universal penoso

Rematamos as festas de Nadal —o día de Reis pola tardiña— cun espectáculo retransmitido en directo desde Washington: como final dunhas festas especiais, non estivo mal. Mesmo se non fose que se trata dunha traxedia, poderiamos pensar que substituíran as non-cabalgatas (o de cabalgata estática é unha contradición in se, inaceptábel). Foi xusto o final adecuado. Unha posta en escena espectacular, cos compoñentes dunha representación de Hollywood: moitos artistas participantes, case todos saídos do elenco dun macabro circo, especialistas dispostos a todo, ascensión por paredes lisas incluída; efectos luminosos e de son de vangarda... E xa non digamos nada da categoría do vestuario: nunca viron cousa igual polos corredores do Capitolio. Mesmo houbo un galdrán que se fixo famoso nas redes grazas ao adorno duns cornos de bisonte americano.

Diciamos remate de festas especiais, cando en realidade queriamos tomar un pouco de perspectiva para tratar dun asunto cuxa transcendencia vai moito máis aló do amosado en primeira vista. A posta en cuestión da lexitimidade de todo un proceso electoral polo presidente perdedor, que non deu renovado polo número de votos o seu cargo, que levaba meses de precampaña cuestionando as eleccións e de poscampaña non admitindo o resultado das votacións, compoñen o escenario perfecto do que en dereito penal si se chama sedición e en linguaxe política un autogolpe: cando non se gaña por votos, rómpense as urnas.

O autogolpe ten raíces certas nas accións do presidente derrotado xa que foi preciso contar activamente coa pasividade/complicidade da Policía encargada da custodia do Capitolio. Unha parte deplorábel do espectáculo foi coñecer que a presidenta da Cámara de Representantes (terceira autoridade dos USA) permaneceu agochada nun soto, non sabemos se por temor a perder a vida ou por vergoña. Característica dun autogolpe é mesmo non confiar, por constatación empírica, nas forzas de guarda das institucións democráticas.

En Roma ("ti tamén, fillo", dixo César a Bruto antes de morrer asasinado polos conspiradores) xa sabían de métodos diversos de violar as normas estabelecidas para eliminar os adversarios cando o uso do poder se convertía en necesidade dos ditadores. Por que nos pode afectar en boa medida o que suceda en Estados Unidos? Que interese poden ter para nós —comentario do espectáculo á parte— estes acontecementos? O mundo de relacións políticas actuais é un bo espello do que son as relacións económicas, e parece existir certo consenso xeral entre os economistas de que o sistema económico capitalista mundial vive mellor cando hai un claro liderado en termos económicos, políticos e militares. Dáse o caso de que ese rol foi desempeñado no mundo e sen cuestión, até o século XXI, polos USA. Pero os acontecementos que pecharon o século XX no plano político e o desenvolvemento económico que nos 20 anos do século XXI teñen sucedido non fixeron máis que amosar a perda relativa de distancia na posición de Estados Unidos e o gaño relativo de posicións de República China nese concerto mundial. Visto desde esta perspectiva, o episodio lamentábel de luxado do Capitolio é un síntoma, outro máis na carreira mundial da desputa da xefatura do sistema capitalista.

Espectáculo universal penoso
Comentarios