Opinión

Ertes en Galiza: nova realidade

Foi o presidente do Goberno español o que usou por primeira vez o termo «nova normalidade». Nos mudámolo un pouco para observar a nova realidade do traballo, da produción, do consumo e do emprego que se albisca na nova etapa, unha vez superado o confinamento, é dicer, ‘desconfinados’, que como palabra ha valer tanto, polo menos, como ‘desescalada’, xa que non hai garantía algunha de que estes expedientes se convertan ao fin en desemprego. 

Os Ertes (expedientes de regulación temporal de emprego) presentados en Galiza amosan unha novidade propria do século XXI. Se houbo, entre os días 14 de marzo e 28 de abril, 35.657 expedientes presentados, deuse o caso  de que 1.990 deles foron tramitados en días festivos. Houbo, á parte dos domingos, 3 festivos máis e en todas esas ocasións foron tramitados administrativamente. Que sucedeu? De súpeto os funcionarios públicos que tiñan teletraballo anotaron os días non hábeis en condicións correntes como días de traballo, ou é que realmente, debido ás condicións do teletraballo con dificuldades super- engadidas foi preciso traballar fóra de horario por un sentido de responsabilidade e solidariedade cara aos traballadores afectados? Cumprirá ter en conta que a función pública non só non é sobrante, senón que, sendo cativa, pode ser unha pexa no bon funcionamento empresarial.

Os 35.657 Ertes presentados afectan a 198.271 traballadores, e, aínda que a cifra total é dabondo significativa, mesmo é posíbel afinar na análise do seu sentido. O maior número de afectados concéntrase na comarca de Vigo, seguida da Coruña, Ourense e Lugo, por esa orde. Utilizamos case a clasificación provincial no ánimo de contribuír á recordación do século XIX en que se impuxo desde o goberno central  utilizar a demarcación provincial: máis caduca que o transporte a cabalo de persoas e mercadorías. Non obstante, en termos relativos, é moi negro o panorama de cidades como Compostela e Pontevedra xa que, do total de persoas ocupadas (fins do 2019), na primeira cidade os traballadores afectados agora por un Erte son case a cuarta parte: o 24%. En Pontevedra representan o 20%. Dúas cidades pequenas con moito emprego público: ese degrau de afectación representa unha situación de futuro incerto pero moi grave, de non existir unha normalidade de recuperación total. O número de afectados en Vigo, malia ser moi elevado (41.679), ten comparativamente menor transcendencia, xa que deles 7.000 corresponden a Citroën, que ha seguir a senda das outras multinacionais do automóbel: Mercedes, Nissan, Ford, Volkswagen, Seat… Funcionando Citroën, súmanse unha serie de actividades tanto industriais como de servizos que aliviarían a ameaza de paro despois de Erte. É destacábel asimesmo que os traballadores afectados da industria en Santiago, Vigo e A Coruña representan a metade dos da industria de todo o país. O destaque ten a ver co interese que neste tempo preeleitoral amosan tanto o presidente da Xunta en funcións como os seus contrincantes.

O futuro inmediato do país está en xogo en función da solución de política económica que se adoptar para solventar as caídas de actividade e paro, verdadeiras ameazas no presente da actividade económica.

Comentarios