Opinión

Entendemos as contradicións?

PERGUNTÁMONOS se hai pouca coherencia nas decisións que se toman para xestionar a evolución da pandemia. É certo que as decisións que se coñecen son as que se publicitan en forma de ordes (non sabería cualificar a súa natureza legal) ou ordenamentos de actividades sociais, e en cambio son descoñecidos para o público en xeral os protocolos particulares que se deben levar a cabo en actividades non expostas. Así, sabemos todos os horarios do comercio e dos estabelecementos de hostalaría pero non coñecemos por que nalgúns locais da administración pública está prohibido o acceso e noutros, non. Sabemos que nos centros comerciais está regulado un aforo reducido, que ninguén controla. Así mesmo, as cafetarías dos ditos centros pechan ás 18 horas mais o persoal pode circular libremente polas tendas até as 21.30, co café na man. Nos locais de ensino entran todos os que teñen que entrar; nos centros de saúde igual, mais as actividades non exclusivamente laborais só se poden realizar no concello de residencia. Algunhas mulleres traballadoras que se desprazan habitualmente de concello para traballar, tamén teñen adquirido uns hábitos de compra de bens indispensábeis  seguindo  pautas  de eficacia no uso do tempo, de procura do que é máis axeitado ou simplesmente por comodidade na rota entre casa e traballo. Modificar estes hábitos sen coñecer nen entender o motivo é socialmente unha causa máis de stress á parte da pandemia. Os centros comerciais abriron constatando que a área de influencia comercial abranxía varios concellos. Sen ter interese nengún na pervivencia dos citados centros, si diremos que é absolutamente antieconómico limitar a entrada por concellos de orixe. E máis cando non está prohibido facer o Camiño de Santiago. É dicer, as actividades de turismo —dentro dos limites estabelecidos— son permitidas e os confinados de Ames non poden ir pasear ou visitar o mar de Noia ou de Rianxo mesmo en pleno inverno e sen confluíren con nengún outro humano. Pódese, por razóns médicas,  viaxar  a  Madrid nun avión cheo e no aeroporto cumprir coa obriga de gardar a distancia física regulamentada. Será que o avión está no ceo e voa protexido. Tampouco é fácil admitir que o día de Reis a mobilidade no interior de Galiza foi total (é dicer, os que así quixeran podían dar varias voltas polo país sen orde nen concerto) e o día 10 de xaneiro asumir a culpabilidade e máis a responsabilidade directa do aumento de contaxios. Perdón, os contaxios non se contan máis que ocasionalmente, as cifra relevantes son: unha fatal, o número de mortos por causa covid, e outra interesante para o sistema sanitario, a ocupación hospitalaria con opción de ser atendidos (ingresos e hospitalización en Uci).Así, unha restra de dúbidas, que teñen a importancia política de que os cidadáns deben ser informados con veracidade e explicacións congruentes co fin perseguido e, sempre que se poida (debería ser sempre), ter un criterio único á hora de tomar decisións. O estilo ‘yenka’ (adiante-atrás-adiante) é moi mal estilo na política que goberna a vida daspersoas.

Comentarios