Opinión

E o Estado?

"O Estado garante os dereitos humanos e polo mesmo debe vixiar e controlar as residencias"

Hai países cunha cultura política na que se considera —a nivel popular— que o papel do Estado se debe reducir ao mínimo, xa que as accións e regulamentacións do mesmo son «inxerencias» no desenvolvemento da vida persoal. Este tipo de pensamento procede dunha cultura determinada (protestante, branca, supremacista e machista) e foi fomentada para que as clases populares, e mesmo os excluídos sociais, leven unha mochila non austríaca senón persoal, como a carga dun penado, de responsabilidade individual, da propria vida e destino. Asúmese que cada persoa é por si mesma única responsábel do seu destino dende o inicio da vida até o final da súa traxectoria, e ao mesmo tempo facedora única do control da súa existencia. 

Na ideoloxía actual do neoliberalismo e da dereita cavernícola europea cópiase lastimosamente desa especie de modelo dos EE.UU. para emular xusto aquilo que os norteamericanos conscientes e responsábeis intentan esquecer e do que poden ser bos modelos as políticas de Reagan e de Trump. A súa realidade económica dá conta do contrario do que se propaga: dependendo da familia de procedencia, do bairro onde vivas, da renda disponíbel ou do número de oportunidades disponíbeis, a instalación social de cada cidadán muda de maneira moi notábel. 

Os negros estadounidenses padecen unha taxa de condenas con cadea 6 veces maior que a dos brancos, ou a mortalidade infantil, dobre da dos brancos...; en fin que semella que a procedencia, renda e segmento social determinan, máis que a vontade individual, o destino en sociedade. Isto é ben sabido polos progresistas estadounidenses que reclaman con moitas dificuldades que o Estado exerza funcións que como —din alí— fai en Europa o Estado, é dicer, un papel redestribuidor da riqueza, paliativo da exclusión social, e motor ou alavanca de crecemento económico con reparto en equidade. 

O Estado garante os dereitos humanos e polo mesmo debe vixiar e controlar as residencias

É unha distancia social enorme a que nos separa duns Estados (os Unidos), nos que non existe seguridade social universal como é o caso noso, ou o de calquer país de Europa. Xa temos tratado o papel do Estado no ensino, o seu rol na sanidade, mais en organización económica andamos algo rezagados ou, por dicelo exactamente, o Estado déixase querer e deixa facer con folgura abonda aos grupos económicos poderosos que ostentan capacidade e posición na economía europea ou na mundial.

O Estado ten a obriga mesmo legal de contribuír á mellora na distribución da renda nos casos de manifesta desigualdade e propensión á exclusión social, pero ten tamén a obriga, por ser un dereito humano, de ser quen de garantir unha vida digna aos cidadáns que deixaron de ser válidos para a sociedade, por razóns de idade. 

Na pandemia quedou de manifesto —ás veces con escándalo incluído— como as persoas que viven en residencias foron máis que privadas dos seus dereitos como cidadáns. Unha cousa é unha discusión da aplicación das leis, tal e como fixo o Tribunal Constitucional, e outra viver a pandemia pior que condenados, tal e como denunciaron centos de familiares. O Estado garante os dereitos humanos e polo mesmo debe vixiar e controlar este tipo de establecementos.

Comentarios