Opinión

Derrubas e demolicións

Como seguimos tendo —algúns lucenses— ansia por ver rematada a obra de desaparición do Garañón, o outro día escribín sobre ese asunto a instancias dunha amiga que dedicou moito tempo da súa vida activa —de activista— a demostrar que tal edificio en tal lugar era un disparate, que non melloraba a vida de ninguén e que, porén, apioraba a de uns cantos: dunha forma activa e directa, uns, e noutros casos por agresión estética, paisaxística e de harmonía co entorno en que se atopa o parque Rosalía de Castro. Visto que tiña dúbidas de que o contrato coa empresa encargada da derruba tivera sido asignado tratei de pescudalo a través da propria información que o Concello dá de si mesmo, e non atopei nada. 

Como os modos de se facer cunha información, ao alcance dunha cidadá, van un pouco máis alá das páxinas web dos organismos, chamei ao teléfono do Concello e tardei 3 chamadas en me dar conta de  que aínda que non figura directamente —como extensión— urbanismo podería estar escondido noutra denominación, e si, efectivamente, debería pedir á máquina que dialogou comigo, a extensión licenzas. Logro falar cunha persoa, expoño a miña pregunta, dime con quen debo falar e, oh, milagre! para poder falar con esa persoa que se supón coñece a resposta á miña pregunta, debo pedir cita previa. E aí perdín toda esperanza de poder contar coa administración local para unha información directa, curta e certeira sobre como se van desenvolvendo as acción normais da política local. 

Certo que non usei nengunha estrataxema propria de xornalista espelida, tipo das que saen nas películas, e que son quen de se facer con moita habilidade de informacións que ninguén posúe. Mais o caso non o requiría nen merecía máis tempo. Así que sigo até hoxe presumindo que non hai contrato asinado con empresa algunha para levar a cabo a derruba. Por outra banda, non debemos ter tanta présa, non hai apuro. É mellor que sexa feito a modo, a lume lento como certos pratos, porque se despois de catro anos de pensamento en obra, aínda non dan os prazos, é que a cuestión require o seu tempo. 

Un chisco de esperanza apareceu cando vimos un video sobre a voadura da chaminea de Meirama. Segundos e fóra. Perfeito; ten que ser moito máis barato que calquer outro método e estamos completamente  certas de que se o edificio do xornal Madrid —non afecto ao réxime— foi derrubado na época franquista en minuto e medio, e no centro da cidade do mesmo nome, hoxe pódese levar a cabo cun método semellante a voadura do Garañón. 

A semana pasada e a modo de chiscadela, propuxen que deberían ser usadas marras, macetas e mazas, e resultou que de proposta graciosa vai pasar a ser real, xa que hai opinións (tampouco vin os informes técnicos acaídos) de que é mellor manual que con calquer outro método. Vaia con Deus, Lugo!, que ten que viver no pasado até para se desfacer dun pecado.

Comentarios