Opinión

Confusión de poderes

A pesar da clara formulación de A. Guerra de que era de inocentes crer na existencia da división de poderes, hai aínda nostálxicos da democracia ben constituída que pensamos que formalmente —ao menos— convén gardar as formas: o lexislativo é depositario da soberanía popular, o executivo encargado da realización fáctica das decisións licitamente constituídas e o poder xudicial o sancionador/ vixilante do cumprimento das leis e do restante ordenamento xurídico que existe. Certo é que o xudicial, nalgunha maneira, crea dereito no propio exercicio da súa misión en última instancia; certo tamén que o executivo, ao desenvolver actos administrativos, inflúe nas condicións de vida dos cidadáns, e que o lexislativo, ás veces tamén, se ve superado pola realidade económica diaria que vai máis rápida que as leis. Pero entre eses roces observados e a realidade actual dunha inxerencia programada entre uns e outros poderes hai unha distancia enorme. O Goberno central, logo de non prorrogar o estado de alerta, inventou un mecanismo novidoso que consiste en que as decisións dos gobernos autónomos con competencias —en sanidade, por exemplo— obteñan permiso dos seus tribunais superiores de xustiza para levar a cabo medidas de defensa da saúde en época de pandemia. De non haber acordo entre o goberno (executivo) e o xudicial autonómico, arbítrase ao Tribunal Supremo para dirimir en última instancia de que lado se deberá colocar o painel de medidas protectoras da saúde da poboación dos distintos entes autonómicos, mesmo no caso suposto de afectar dereitos fundamentais como é o de mobilidade. E este mecanismo de novo cuño non é unha anovación do papel da xustiza, nin significa inxerencia dun poder noutro senón que deixa en evidencia a nula ou moi pobre coordenación/entendemento entre as autonomías e o Estado central, ou, visto en perspectiva de longo prazo, o imposíbel camiño de construción dun estado que unhas veces dise federal, outras Estado único e sempre —nas mans dos partidos estatais— desconfiado. Desconfiado, porque de ser fomentada, promocionada, certa cultura de exercicio da democracia inter-autonomías e Estado central, tería sido ben fácil acordar entre executivos accións a emprender de salvagarda da saúde dos cidadáns en cada caso e de acordo con pautas de índole sanitaria. Ese camiño é o da eficacia institucional e significaría tamén un uso do poder executivo de maneira funcional nun momento como o presente ben necesitado de sensatez/cordura e non de liortas pola conquista do eleitorado. A ninguén escapa que en plena pandemia, sen vacinación universal, na normalización da vida de relación social, poden xurdir novos focos de infección. O mecanismo adoptado de intervención do poder xudicial, como último depositario da lexitimidade da actuación da administración, é non só unha novidade, senón un trastoque do funcionamento en racionalidade dos órganos da administración pública. Entenderiamos que se nos dixese: despois de derrogar o estado de alerta, queda aos executivos das autonomías, con competencias, o recurso de acudir aos seus parlamentos á hora de limitar os dereitos fundamentais dos seus cidadáns. Mais... a xustiza para isto? Non é sensato dabondo o goberno autonómico que precisa ser tutelado?

Comentarios