Opinión

Concellos en crise

Danse casos en que o músculo administrativo funciona a instancias dalgún superior responsábel

Nalgúns concellos estanse a dar síntomas de enfermidade. De enfermidade administrativa grave, o que poderíamos denominar administrativite aguda. Faise referencia a unha doenza inflamatoria e infecciosa. Cremos que tamén contaxiosa. Non ben comeza nun servizo, e, en lugar de tender á curación, infecta todos os restantes, os próximos, os distantes e mesmo os que se residencian noutros edificios.

Na Galiza hai diferenzas enormes de uns a outros concellos. Hainos que funcionan aceptabelmente ben. Noutros, ao detectar algún fallo nun servizo, teñen mecanismos dabondo para corrixiren axiña o mal: córtase de raíz e non só se soluciona o desarranxo senón que, con celo institucional e administrativo, se impede que se propague o mal. E, finalmente, existen —diríamos con linguaxe absolutamente incorrecta, pero exacta— un grupo amplo e heteroxéneo que chamaremos o pelotón dos torpes, que dan pena, e, aínda pior se se depende deles, mesmo para trámites sinxelos.

Citamos dous concellos que deben ser incluídos neste último pelotón, e para non descobrir algo que só coñezo eu —e uns miles máis de cidadáns— serán nomeados con nomes imaxinarios. O primeiro é un concello urbano e como non ten mar ímolo chamar Seco, e o outro é un concello rural, limítrofe a unha cidade, denominámolo Loves. A restra de problemas que crean na relación cos cidadáns é rica pero só citaremos dous casos. 1º: Cansazo crónico grave dos funcionarios. En Loves, con motivo da aplicación das normas covid-19 , dan cita para trámites presenciais con 19 días de espera, por exemplo, para unha alta no padrón. Unha vez transcorrido o prazo compróbase que as citas son de 30 minutos por trámite, un único trámite por vez. É dicer, que se no servizo de atención aos cidadáns hai unha disponibilidade de seis funcionarios e cada mañá son atendidas 10 persoas, sobran cinco, de cada seis traballadores. Este ritmo de traballo, é a todo efeito esgotador.... e correspondería ao lema: todo para os funcionarios, nada para o concello.

2º Síntoma de Penélope (o que se arranxa de día se perde de noite). En Seco, se precisas unha licenza, desfaite da necesidade da mesma, cambia de idea, cambia de proxecto, cambia de concello, porque o concello Seco non cha vai dar ao xeito, nunca. É dicer, calquer actividade económica que precise dunha tramitación municipal para encetar os procesos previos á instalación na urbe, deberá contar con moreas de meses por diante, ter unha fonte de ingresos de resistencia aceptábel e unha fe cega no proxecto para chegar finalmente á realización material do mesmo. Non é funcional, economicamente falando, esperar polo cumprimento dos trámites precisos para unha actividade de nova creación. E, para maior escarnio, compróbase que hai casos de trato distinto (será de favor?) nos que os trámites seguiron un curso acelerado e, despois de se obrar o milagre, apareceren resolvidos.

Chegados aquí, a enfermidade semella máis mental que física, porque se dan casos en que o músculo administrativo funciona a instancias de algún superior responsábel. Ergo, a enfermidade está mal diagnosticada. Ou é que nos concellos gobernan os funcionarios? Quen debe responder?

Comentarios