Opinión

A Comisión Europea e a pesca galega

Máis unha vez a pesca galega atópase agredida polas normas/regulamentos da UE. Nesta ocasión, en forma de prohibición (para cando o alento?) de pesca en áreas que se denominan especiais a protexer, por seren residencia de certos seres vivos mariños que a pesca prexudica, pretensamente. Entendemos case todo da maneira de actuar da Comisión Europea.

Agora ben, os caprichos, non. E por desgraza as normas emitidas con criterios de compadreo político non son adecuadas á chamada gobernanza comunitaria. Hai certos grupos de interese que teñen éxito de intervención política e semella que controlan/colaboran co devir da carreira política dos aspirantes á permanencia en órgaos comunitarios. Máis que o interese da alimentación, do benestar do recurso e dos pescadores, do negocio pesqueiro, da vida das comunidades pesqueiras locais, do futuro pesqueiro da mesma UE, semella que a estrela da política pesqueira é orientar a pesca cara ao seu ocaso. Dos impedimentos ao crecemento pasado pasamos ás prohibicións actuais e de forma non só burda senón antidemocrática. De facto, despois do Brexit e de Comisarios/as de Pesca verdadeiramente exóticos, créramos que remataran os tempos dos disparates burdos. Citamos o Brexit e para que non leve a engano, os pescadores galegos non se entenderon mal cos viciños do Reino Unido, mais a Política Pesqueira Comunitaria estaba submetida a tensións continentais e mais illoas.

Por iso, era de esperar que as relacións políticas intra-UE con varios asuntos graves a resolver para garantir condicións económicas de rendibilidade na pesca non se atoparan fronte ao novo disparate/ocorrencia de prohibir acceso a 94 áreas de pesca por razóns dunha futuríbel precaución, supostamente tamén, de defensa de seres vivos mariños nese medio. Os pescadores galegos, e con eles os gobernos que teñen conta dos seus intereses á fronte, declararon por activa e por pasiva seren os primeiros interesados no cuidado do recurso e do medio mariño. E non só declaran: é que teñen demostrado comportarse como unha frota pesqueira exemplar en augas comunitarias e mais nas outras zonas pesqueiras dos diferentes mares do mundo.

A presenza, cumprimento e colaboración das nosas compañías pesqueiras en todos os mares non ten comparación con frotas depredadoras (mesmo algunha con relación con países da UE), arrasadoras, abusadoras no laboral e nada en absoluto respeitosas co medio natural: mais aí non chega o comisario europeo de nome inesquecíbel para os galegos: Virginijus Sinkevicius. Este Comisario, procedente dun país —Lituania— de 94 km. de costa (menos do 66% da costa lucense), e cunha relevancia en pesca na UE absolutamente marxinal, non está lexitimado para tomar decisións dun calado tal que poñan en perigo o futuro dun sector económico estratéxico.

As medidas de contido medioambiental de protección, para seren correctamente xeradas e respeitadas, deberán selo seguindo o proprio mandato comunitario de gobernanza: definir políticas eficaces, comprometerse no debate sobre a gobernanza mundial, centrar políticas e obxectivos claros e implicar máis os cidadáns. Neste caso, é máis rápido saber o que non se fixo que examinar a violación de todas e cada unha desas orientacións democráticas.

Comentarios