Opinión

Comida popular

A comida é o elemento máis próximo ao esencial dunha cultura no sentido físico do termo

O CAMBIO de vida derivado do tempo máis duro da pandemia aínda está por chegar. Non obstante, na marcha da economía presente vista a ollos de consumidora-observadora, xa se albiscan mudanzas que parece que van marcar o porvir. Uns cambios evidentes téñense producido nos negocios de hostalaría/ restauración, bares tamén. Uns primeiros producíronse como cumprimento das novas normas anti-epidemia que obrigaron a controlar non só o uso do espazo senón tamén os elementos que habitualmente conformaban o panorama de obxectos de bar: hoxe é mais presente o hidroalcohol que o alcohol só en forma de bebidas. A substitución das cartas pola aplicación correspondente do móbil vai supor non só un aforro en papel, senón tamén a perda de vergoña por escreber cousas absolutamente irrepetíbeis. E, finalmente pero non menos importante, algúns dos estabelecementos que permanecen abertos viron alterar en moi curto período de tempo as condicións de realización do negocio, e non lles queda máis remedio que se adaptaren.

Esta nova maneira de traballar e servir vai acompañada dunha caída bestial de calidade. Os aforros de custo desas empresas comezan pola redución de horario de servizo, redución de tempo de contrato dos/das empregadas, conseguinte precarización, menor dedicación e, por tanto, menor tempo de preparación dos alimentos. O microondas substitúe o forno e a cociña, os bens semipreparados, conxelados, de ‘catering’, listos para servir etc., típicos dun negocio que non se pode chamar restaurante, nen mesón nen sequer taberna, son os que agora serven nalgúns lugares que aparentan o que antes chamabamos "casa de comidas", "restaurant” ou algo similar, e que constaba de cociña con facedor/a de comida elaborada alí mesmo, e, con menú, carta ou disposición a servir o que na nosa cultura se chamaba comida.

Porque a comida é o elemento máis próximo ao esencial dunha cultura no sentido físico do termo. Para comer determinados animais ou determinados vexetais hai que ter pasado polo filtro do tempo, do costume, en fin, do hábito socialmente creado de lle chamar alimento a iso que tanto nos pode asombrar. Sentarse nunha mesa e intentar comer unha nécora con coitelo e garfo é o suficientemente rechamante como para comparalo a comer sesos de mono ou formigas asadas. Só que aquí sabemos que unha nécora non se corta con coitelo, sabemos o que se come e o que se despreza e, finalmente, sabemos cando se debe comer para non inxerila podre. En troca, se nunha carta dun restaurante (si, dun local con ese nome no cartel da entrada) poñen "burger" como prato dun menú, eu descoñezo o que leva, como se fai, de que cociña saíu (salvo nos ‘mac’ eses que nunca foron restaurantes); en fin, descoñezo o que é, á parte dun bocata raro.

O aforro de custos e o mimetismo paleto dos que malcomen nas ‘pelis’ a granel americanas vai acabar a medio prazo co que non acabou a pandemia: todos a bocadillos —feitos na industria de alimentos conxelados— aínda que con outro nome. Tal que así comezou a decadencia da cultura británica antes de perder o imperio.

Comentarios