Opinión

Cita previa con humor

Recebín con alegría a nova de que a Xunta vai recuperar a presencialidade para realizar todos os trámites que agora esixían, indefectibelmente, cita previa. Van conviver os dous accesos: cita previa, e tamén atención presencial, sen ser obrigatoria aquela, a cita previa. E con este exemplo, que louvo sen ningunha dúbida, é probábel que se estenda, por imitación, a práctica de atender en persoa e sen cita previa como filtro, nos concellos e na administración periférica do Estado. 

Ben mirado —desde a miña perspectiva— chegou demasiado pronto a volta á normalidade na atención ao público. Íame dar máis tempo para construír unha listaxe de anécdotas absurdas para escreber e comunicar aos meus lectores experiencias varias, iso si, algunhas do humor do absurdo. Agora, infelizmente, só permanecerán as do concello e algunhas da administración do Estado. 

Que dicer daquel funcionamento agradábel e fluído —onde haxa— daquel servizo municipal do Concello de Lugo que despois de ter cita previa para o primeiro trámite —e toda a documentación para o segundo, vinculado directamente ao primeiro—, non se puido completar porque a funcionaria ao cargo negouse, esixindo outra cita, outra viaxe, outro día e outra aparencia de traballo? Que eficacia!, que bon facer!, mesmo que dilixencia e cumprimento do deber: de aí a unha folga de celo encuberta non media nada. 

Estes feitos semellan ser o preludio da demostración de que o 50% do persoal e dos trámites das oficinas públicas son innecesarios

E daquela lista de agarda dun concello próximo a Santiago que daba cita previa para se dar de alta no padrón municipal con demora de vinte días? Cando, antes do 2019, era un trámite automático. E que opinar daquela escena surrealista que presenciei na oficina do catastro de Lugo? Chega o cidadán e dille o garda de seguridade da porta —con misión de triaxe— ten cita previa? O paisano di: non. Contesta o garda: pode collela agora.

Con cita previa, fai ademán de entrar e, non, non pode ser, prohibido: pode falar por teléfono coa funcionaria da mesa ‘X’ que o atenderá. Conversa emprendida, o administrado debía amosar unha documentación —algunha folla parecía un plano— para que no citado organismo cotexaxen a correspondencia entre plano e o rexisto. Pois cunha distancia de catro metros e teléfono por medio, non houbo consulta válida porque na oficina non se atendía presencialmente.

Despois de ser testemuña de tal escena pensei: ficaría mellor nun vídeo deses que se fan agora para difundir nos novos medios, mais foi un pensamento posterior. Non obstante, estes feitos semellan ser o preludio da demostración de que o 50% do persoal e dos trámites das oficinas públicas son innecesarios. 

Se a vida foi tirando igual e non se produciu ningún motín, é que a volta á normalidade vai deixar en evidencia que se pode viver só coas tendas de alimentación e os bares atendidos sen cita previa. Se a relación coa administración pública se pode levar a cabo —na súa totalidade— vía telemática, previamente a propia administración deberá capacitar os cidadáns para se converteren en hábiles usuarios, así como os funcionarios para que a administración funcione. Mesmo, postos a aprender doutros países europeos, poderíamos ter reducido a velocidade sideral de informatizar antes de racionalizar.

Comentarios