Opinión

Cita previa e ‘caradurismo’

A xeneralización da cita previa como único mecanismo de acceder á administración pública está a ponto de abandonarnos por razóns evidentes de desaparición da causa que o tivo orixinado: o estado de alarma por motivo da pandemia covid—19. Nese momento do noso pasado próximo, a primeira sensación foi que se pechaba o mundo, e que ao non poder saír de casa polo confinamento, tamén quedaban en suspenso sine die as actividades diarias, entre elas as relacións coa administración pública: a local, a provincial, a autonómica e a do Estado (Facenda cobrou sempre). As relacións coa sanidade pública, o Sergas, reducíronse ás estabelecidas por teléfono, así como a valoración de traslado a un centro hospitalario, despois dunha valoración, facíase con todas as condicións de evitación do contaxio. E nace a cita previa a medida que comeza unha certa actividade administrativa derivada tamén da flexibilización das condicións do confinamento. Instáurase a cita previa universal, con prohibición de acceso físico aos centros da administración. Isto foi compatíbel co funcionamento presencial dos servizos indispensábeis: transporte público: autobuses, liñas regulares, ferrocarril, transporte aéreo, marítimo e de presenza física na atención cos usuarios. Desde marzo de 2020, até a desaparición das primeiras restricións de movemento, o acceso ás tendas de alimentación e de todos os centros de traballo e de distribución dos centros esenciais. Neste funcionamento salvándose o principal —a extensión da pandemia— déronse situacións que hoxe consideramos deplorábeis, mais que son imputábeis á gravidade e novidade do momento, en que predominou a xestión tipo guerra total; outra, máis afinada, podería ter evitado sofremento humano certo; referímonos ás mortes en soidade, que ao inicio da pandemia e, posteriormente, sen explicación aceptábel, se produciron, sen necesidade obxectiva que o xustificase. Hoxe hai —aínda— centros da administración pública resistentes a se abriren ao público e volveren á atención presencial normal. A responsabilidade, como é lóxico, é en primeiro lugar dos titulares da administración pública, o goberno que dan a coñecer, e a súa falta de vontade na reforma da administración pública e na dotación adecuada de medios, persoal e control. Mais o parapeto que o administrado recebe é o ‘caradurismo’, ou nogalla dun grupo de funcionarios que atoparon o seu nível de confort excelente traballando cunha cita previa, medida e repartida cun cálculo a ollo. É dicer, a aparencia convértese en directa causa dun deficiente funcionamento. Unha cousa é que haxa posibilidade de atender certas xestións informativas vía telefónica: certo. Outra cousa é que por conveniencia (ou necesidade) do usuario se facilite con cita previa unha xestión, e outra moi distinta é eliminar a actividade presencial para os usuarios, dos administrados, ou simplemente dos cidadáns en tránsito.

Hai certas relacións dos administrados coa Administración que teñen carácter de urxente, mesmo apremiante, que requiren a atención presencial e que se ven imposibilitadas pola presenza dun garda de seguridade (contratado para outras funcións distintas da triaxe ou selección de casos) que impede, de feito, sequera preguntar. A cita previa está a desaparecer, desaparecerá, e, mentres, o ridículo envolve os seus defensores, como único mecanismo de acceso.

Comentarios