Opinión

Casada con Manuel Amor Meilán

Hai días que parecen noites, dixo unha vez un amigo meu de Redondela. O meu de antonte era deses. Recibo unha chamada teléfonica dun número fixo das Baleares (prefixo 871). Pergúntanme nada máis contestar se son eu, con nome e apelidos. Contesto que si. E segue o comunicante dicéndome: —Como non contestou á circular que lle enviamos en xaneiro, pergunto agora, débese incorporar á tarifa ‘X’ de subministro eléctrico, porque lle sae máis barato. Contesto: —Imos empezar de novo. De que compañía me fala e quen é vostede. Responde: de Naturgy, «su compañía». Respondo: eu non posúo nengunha compañía; por non ter, non teño nen mascotas. Repite: -pero debe dicerme (sempre en español) se unimos os recibos para pagar menos. Digo: menos de que. Responde: de electricidade. Contesto: —e vostede como sabe o que pago eu?. Responde: —vaille sair máis barato. Retruco: —máis barato que qué.... Cando cansei de escoitar parvadas dixen a frase máxica (iso pensaba eu): —eu non contrato nada por teléfono; se quer que examine algún novo contrato, mándemo por correo electrónico coas novas condicións, e, despois de o ler, considerarei se me interesa. Di: —esa posibilidade non está contemplada. Ah!!! só existe por teléfono. Bon, pois nada, entón. Retruca: —escoite, pódollo mandar por unha mensaxe de texto ao teléfono. E digo: pois moi ben. Pergunta: —cal é o teléfono? Respondo: —este ao que está chamando. Por certo, como ten o meu telefono móbil? É que é clienta de Naturgy. Bon, pois xa está. E di: pódemo repetir, que non o vexo moi claro? Digo: —está nubrado? —Non, é que non o vexo. Pois aí vai. E para remate de surrealismo di: —o que pasa é que vostede debe de ter o contrato a nome do seu marido. E dígolle: —estou certa de que non. E di o interfecto: si, que aquí figura Manuel Amor Meilán, e dígolle —despois de botar unha gargallada máiuscula—: pois haberá de esperar que consulte con el para tomar unha decisión. Ao sentir o meu riso, dixo: —é que onte non tiven unha boa noite. A min só me quedaba pensar que decidiu socializar a má noite e facela extensiva aos posíbeis novos clientes (pola vía trapalleira) de Naturgy. Só engado que chegou unha mensaxe SMS ao móbil -que non abrín porque hai que ser ben cauta- e que só é, segundo o texto, un acceso a unha páxina para un proceso de contratación, proceso que, sobreenténdese, eu iniciaría voluntariamente.

Fiquei un pouco pensativa despois desta ofensiva telefónica. Como está permitido que algunhas compañías realicen en forma de pillaxe novas contratacións sobre a marcha? As cuestións de contrato haberá que lelas, sopesalas e entendelas —dentro dunha orde— xa que afectan ao custo dos subministros. Neste caso das tarifas da electricidade. Cantos destes contratos son realizados sen que exista a máis mínima posibilidade de reflexión nen de acordo suficiente para decidir sobre un gasto ineludíbel?

E o que pior, cantas mulleres hai casadas con Manuel Amor Meilán (igual que eu) que non van poder consultar cun difunto ilustre que dá nome a unha rúa?

Comentarios