Opinión

Carvalho Calero

Non sei nada do que se precisa para falar con solvencia académica de D. Ricardo Carvalho Calero mais necesito escreber unhas palabras para amosar a miña admiración a través do meu acordo. Lugo foi destino, residencia e cidade moi querida para el. Eu tiven a sorte de coñecelo por andar nos anos 80 implicada na promoción de actividades culturais por todo o país. Hoxe, se tivesen que me dar un nome por ese oficio, chamaríanme activista pero nen se corresponde coa realidade nen eu tiña urxencia de actividade, xa que non era un oficio senón unha dedicación a título honorífico. Como secretaria da Asoc. Cult. ‘O Galo’ de Santiago de Compostela, e por mor das relacións fraternais que mantiñamos con outras moitas asociacións culturais do país, tiña acceso por relacións, coñecemento ou vida universitaria a especialistas en campos culturais que ían moito máis alá da economía: narradores e poetas, ensaístas, antropólogos, historiadores e traballadores da cultura entendida como creación e non como espectáculo: da música, da dramaturxia ou de calquer outra rama de actividade da nacente vida cultural galega pos-morte do ditador.

D. Ricardo vivía no inverno en Compostela. Catedrático de Lingua e Literatura Galega da USC comezou a colaborar coas asociacións culturais que a base de conferencias servían de renacenza da actividade violentamente interrompida e matada polo golpe de Estado do 36. E nalgunha medida aí entrei eu. Desde Santiago —como base— combinabamos para levar e traer a Carvalho Calero nos nosos autos e desa forma contribuír de maneira artesanal e fraternal (xa que non había outro pagamento) á realización das actividades culturais. Digo «nosos» e quero dicer dos membros da directiva da asociación ou dun colega de calquer outra que estivese en condicións de colaborar.

Esas viaxes e o recordo que me queda delas son un tesouro para min, porque tiven ocasión de coñecer e partillar conversa cun sabio galego. Elegante por nacencia e requintado por cultivo, aprendín que non hai nada máis elevado no traballo académico que o rigor no método, a honestidade no uso dos instrumentos de coñecemento, a derrota do sectarismo e das escollas de comenencia nos obxectos de investigación. Non é —en ciencias sociais— o obxecto de investigación o que fará grande e valioso o traballo, senón a excelencia do método de investigación (uso da ciencia), o que converte en científicas as novas achegas. É dicer, na Galiza convén empezar pola nosa realidade (obxecto de investigación) afastando do camiño rozado todo canto lixo se tivera botado sobre a nosa realidade por outros e polo peso da rotina. Onde non hai investigación científica non hai coñecemento, e non só é inútil senón manipulador repetir o que outros dixeron de nós. Lembro que compartín naquelas conversas de ida e volta a Compostela o que pasou na miña facultade na leitura dunha tese de doutoramento en historia económica: o meu colega foi cualificado con sobresaliente sen ‘laude’ porque demostraba que a Galiza non era un país pobre na 2ª metade do século XIX.

Pateamos na tarima do salón nobre de Fonseca. Non houbo ‘laude’ mais sabíamos que a Galiza non era o país paupérrimo da historia oficial española. Sorríu cos ollos.


 

Comentarios