Opinión

Campaña eleitoral da autonomía

O pasado día 8 asistín a un acto chamado debate, sobre as alternativas posíbeis de restauración e uso do vello cuartel de San Fernando. Era un acto aberto a todo o público, no salón de actos do edificio das delegacións da Xunta en Lugo. Se soubera o tipo de acto e a seleccionada asistencia que ateigou o local, xa tería desistido, non por nada, senón por non perturbar os actos íntimos do partido do goberno na Xunta. E digo íntimos, para dicer internos, e xa se sabe que o do interior vén sendo tamén íntimo. Non houbo debate entre os membros da mesa, non foi posíbel estabelecelo cos asistentes, xa que o formato previsto era de ir escoitar, aplaudir e non intervir, e cualifico de interno porque alguén ben avisado tivo a ocupación de convocar a viciños de media provincia de Lugo inopinadamente interesados nun parador na capital, e dispostos con entusiasmo a ovacionar á única opción que se espuxo  desde a tribuna, a saber cuartel/parador ou cuartel/parador e museo.

E mesmo é nesa aparencia de normalidade onde reside o problema que nos atopamos. Ao mudar un debate por unha proclama a catro voces, é dicer, catro versións do mesmo feito, queda anulado o termo debate. Non houbo debate pura e simplesmente. Uns opinaban acerca do parador desde a perspectiva hoteleira, outros desde a vista dun edificio reformado, outro tendo en conta o que fan noutros sitios e, finalmente, xa que toda a cidade é romana, eludamos ter un museo e musealicemos os restos interiores do futuro parador. Sen debate, reitero. Porque eu sei que para que haxa debate é preciso que existan posturas distintas, mesmo controvertidas, sobre o tema posto sobre a mesa. E, neste caso, non houbo esa posibilidade, porque, digámolo así, eran todos pro parador (só matizaremos a intervención prudente dun partícipe que recoñeceu que non sabía porque estaba alí, e defendía medulianamente:  fagan algo no cuartel, por favor).

Non hai millóns para o cuartel de Lugo; tanto ten o que se diga nun mitin precampaña

Para seguir co relato de sospeitas sobre a finalidade do chamado debate, cómpre referirse á primeira parte, na que, á parte de aclarar convocatoria e obxectivos, escenificouse a maior ‘tomadura de pelo’ posíbel —nestes tempos— á concorréncia non convocada por vía orgánica. Intervén como presentador inicial o delegado da Xunta en Lugo e explica o proxecto que ten a Xunta para Lugo. Exhibe a dotación en millóns de euros cos que conta para os proxectos e invita a todos os presentes a defender animadamente o proxecto de parador para Lugo. Aos asistentes que escoitamos con certa distancia semellante proposta quedounos a dúbida de se falaría a serio ou confundiría o día cunha feira de vaidades. O cuartel é propriedade do Concello: nen estaba presente, nen se citou nen importaba. Os Paradores son dunha empresa pública participada pola Sepi (‘Sociedad Estatal de Participaciones Industriales’) e non está nen se espera, e, finalmente, pero non menor, os millóns ditos de palabra non existen en nengún orzamento público: non hai millóns para o cuartel de Lugo; tanto ten o que se diga nun mitin precampaña.

Comentarios