Opinión

Atención aos bens públicos

Citamos en varias ocasións que é afuncional economicamente falando nos asuntos de xestión pública local, traballar mal, facelo con desleixo, non coidar os bens públicos coa dilixencia dun bon xestor, abandonar os bens, o equipamento urbano, dotacións en servizos, infraestruturas... de natureza pública en mans da desidia, do paso inmisericorde do tempo, crer que os asuntos mal feitos se resolverán por si mesmos...
É dicer, non facer nada —nen sequer mirar— e pensar que por non mirar non existe o deterioro. Máis ou menos como a conduta que se atribúe á avestruz trasladándoa á xestión do público en seres humanos deste tempo. Mesmo poderíamos acusar de infantil ese tipo de conduta. 

O deterioro do patrimonio arquitectónico de Lugo é tan notábel que doe á simple mirada. Esperar que a iniciativa privada sexa quen de emprender unha a unha, e sen plan organizado previo, o labor de recuperación é cando menos infantil, e, cando máis, absolutamente neglixente. Deixar a responsabilidade que lle cómpre ás autoridades públicas municipais en mans de ninguén e deixar a vida nas mans da propaganda e dunha imaxe máis ou menos composta. É non só neglixente senón colaboración necesaria co destrago social e económico posterior. 

Canto custa emprender un labor de reconstrución dun edificio abandonado ano tras ano? No concello deben sabelo ben, porque hai casos evidentes observábeis tan só camiñando e outros, que de puro escándalo, xa son coñecidos pola intervención cidadá: canto vai custar reparar o Auditorio non nato, antes de inauguralo? Ninguén ten a misión de tutelar ese ben, para que non colapse? Ninguén ten autoridade para pedir contas de neglixencia por ese abandono? Canto vai custar ás arcas municipais a reparación, muda e nova colocación de illas de recollida de lixo despois de pasar meses cun espectáculo de lixo urbano merecente de mellor posta en escena? De que vale inaugurar prazas, estatuas, espazos novos (con pedra carísima, que dura 6 meses), se se acompaña de edificios totalmente abandonados, deteriorados, baleiros..., cos habitantes en fuxida. 

Lémbrame a conduta do fidalgo do Lazarillo de Tormes que aparentando vestir ben, e despois de non comer, saía á porta da casa cun palito dos dentes en sinal de fartura. Reitero, a aparencia, a só imaxe non cambia a realidade. Esta é moi remisa a se deixar influír por fotos, por vídeos de propaganda, por amaños informativos, por xabrón untuoso, máis ou menos interesado.

Na realidade urbana —igual que noutros aspectos da vida— as cousas non van de desidia e de que veñan outros a resolver: das encomendas de cada un, só hai unha parte responsábel, unha executora e outra que demanda cumprimento acaído de deberes de administración. E logo alguén, botando balóns fóra, dirá: isto hai que arranxalo para que os turistas se atopen a gosto. De novo, mentalidade cativa e asocial. Semella que non importa como vivan ou padezan os residentes, mais, para amosar aos turistas, gastamos. 

Suxiro, de paso, que alguén obrigue á propriedade da Catedral a colocar aseos, para que, despois de pagar a entrada, se cumpra a lei de dotacións mínimas en espazos públicos.

Comentarios