Opinión

Antroido na escola


Teño un amigo que di que para que exista un cambio social de progreso, é dicer, de mellora social, é preciso que pasemos por un proceso revolucionario, mesmo esperando que sexa suave... Cando observo a maneira actual de celebrar o Antroido, integrado totalmente no ensino obrigatorio, non me queda máis remedio que lembrar que non entendín nada dos obxectivos declarados do ensino actual cando se proclama o ensino en valores: por unha parte, é lóxico que se proclame o mantra dos valores, non ía ser en vicios, mais, por outra, non é fácil entender como no ensino de nenos/as, que xa non son bebés de atención e coidado maternal, se introduza como actividade intraescolar unha festiva da rúa, cuxo arraigo e pervivencia deberá existir no ámbito proprio, que non é na escola. 

Para me lembrar dun caso parecido mais á inversa pasemos uns cantos anos atrás e citemos o ensino público no franquismo. O Antroido sobreviveu como festa popular a pesar de que non había vacacións escolares e, en numerosos casos de celo católico especial, cobrían o tempo lectivo da actual festa (p.e., Instituto Feminino de Lugo, anos 60) con exercicios espirituais, remedando en tres días a proposta do santo de Loyola: primeiro día, pecado; segundo día, morte, e terceiro día, inferno. Así se explica que, ao sobreviver a tal meditación, houbese vontade e necesidade de se disfarzar aínda que fose de frade. 

O Antroido  sobreviveu como festa popular a pesar de que non había vacacións escolares

Da mesma maneira que se prohibíu a celebración popular do antroido no franquismo e non desapareceu, agora, por ser mesmo obrigatorio na escola, pode pasar a ser odiado polos rapaces que teñan algunha dificuldade para se integrar no carreiro común da maioría, aquela que se conduce como unha masa homoxénea. Hai aínda outros considerandos. A resposta popular desta festa é precisamente romper coa orde estabelecida; no momento en que se converte en actividade escolar pode pasar a ser -dependendo das distintas condicións dos alumnos- un pesadelo, unha maneira de quedar mal cos compañeiros, un sacrificio de tempo e diñeiro para os seus pais/nais ou quen teña o encargo tutorial dos nenos, un fomento dun consumo totalmente innecesario, unha perda de tempo precioso que se podería dedicar a calquer actividade saudábel, como facer deporte non competitivo ou ler obras singulares. 

Fixémonos nunha cuestión que está directamente relacionada co nível económico e cultural dos rapaces: é evidente que non é único, nen por razóns de renda nen por razóns de disponibilidade de tempo ou mesmo de coñecementos suficientes. Os fogares de renda baixa ou moi baixa precisan calquer cousa menos un encargo externo para que os nenos leven algo ao colexio que signifique un gasto extra, e moito menos varias veces ao longo do curso: antroido, samaín, día do pai, día da nai, nadal..., e pode que haxa algún outro. 

A contradición máis forte dáse con dous aspectos/guía que deberían presidir, como escrito en bronce no frontispicio dos centros: a escola pública debe contribuír a integrar na sociedade (e igualar) as condicións de socialización dos nenos para ser cidadáns con direitos iguais de partida, e, tamén, corrixir o consumismo galopante.

Comentarios