Opinión

Algunha acción municipal de mellora

Dicíamos a semana pasada que é moi importante contar cunha política municipal acaída ás necesidades dos habitantes: neste caso, de Lugo. Non poderíamos chegar a opinar desta relevancia se non existise posibilidade de comparación das actuacións duns e doutros concellos. Pero si existe esa posibilidade. 

Comezando por concellos exteriores a Galiza e mirando para os máis avanzados do Estado Español, existen maneiras de facer, de informar, de lograr financiamento e de conseguir participación colaborativa dos cidadáns, para  mellorar período a período. Así, por exemplo, en Euskadi e Navarra foi un logro de hai décadas a elaboración de plans estratéxicos municipais con forma de consenso municipal e de longo prazo. O logro real dos plans consiste en pór de acordo  cidadáns, por riba das diferenzas partidarias e dos intereses declarados particulares, para conseguir un proxecto urbano de longo prazo (mesmo con execución lenta) e que figure por riba dos programas particulares dos gobernos eleitos, período a período. 

O grau de madureza cidadá acadado mediante o proceso de elaboración e o compromiso de execución co marchamo de honestidade colectiva, constitúe a maior conquista dese modelo levado a cabo, e que se ampara na denominación de plan estratéxico. Loxicamente, as directrices xerais son as que atinxen ás competencias municipais de accións cara á mellora da calidade de vida dos seus cidadáns, a definición de prioridades no abano de necesidades e a capacidade financeira anual de execución coas posibilidades proprias —e tamén doutras administracións— para levar a termo as accións deseñadas. Certamente isto é máis fácil de dicer que de facer, xa que se contamos con lastres do pasado sen solución abordada, ou mesmo considerados non abordábeis, non hai maneira de saír do pozo. Mais dalgunha maneira se poderá ir solucionando. Sen necesidade de ollar a Navarra ou a Euskadi, máis perto hai concellos semellantes a Lugo con accións de longo prazo, que inclúen un proxecto de cidade, nos que se acadaron uns acordos suprapartidarios de remar na mesma dirección e que dan exemplo de accións positivas, mostra evidente de que é posíbel facelo ben. 

En primeiro lugar, refírome a Pontevedra. Ao falar de Pontevedra non é para que ninguén se sinta tentado a dicer que se afirma que hai que copiar. Nada máis lonxe. Cada cidade é como é, e ten as súas dotacións e as súas limitacións. Mais só o coñecemento, diagnose e disposición de actuar fronte aos  problemas, e o exame das solucións posíbeis, son un primeiro paso. 

En economía, cando se fala de proxectos tanto empresariais como de política económica non é para copiar o contido dos existentes senón para utilizar o método de traballo que resultou exitoso. E nun concello o mellor e primeiro para actuar é coñecer o estado da cuestión; logo, decidir emprender accións, ter vontade de levalas a cabo e atopar financiamento. Unha só acción pode servir de caso: en Lugo cidade hai un 31,65% de fogares cunha persoa só. Serán fogares con accesibilidade? Cantas persoas non poden saír a rúa por non teren ascensor? Hai algunha acción do concello nesta dirección?

Comentarios