Opinión

Alberto Garzón e a encarnación

O ministro de Consumo deunos pé para falar da carne, do que significa comer carne, e da encarnación na que se atopa metido por falta dunha pericia especial para orientar no consumo. Visto que é ministro de Consumo e foi apartado da posibilidade de orientar os produtores, o único que se lle ocorreu que podía facer para colaborar na transición ecolóxica é dicir aos consumidores –vía telemática– que consuman menos carne. Así, sen máis, mesmo sen anestesia, pasou o que pasou: miles de chistes a conta da súa achega (?) e a continuación –como se dunha regueifa se tratar–, a declaración de amor ao chuletón ("al punto") do presidente do Goberno, é dicir, de quen o nomeou.

A meta de realizar con tino e con tempo a transición ecolóxica inclúe unha serie de prácticas industriais e medioambientais pautadas. Trátase de contribuír positivamente (con accións ben medidas) á desaceleración do cambio climático, á redución das emisións de metano procedentes das granxas intensivas de gando, á eliminación dos verquidos incontrolados de purín que hai en toda parte no Estado español así como á eliminación paulatina do sufrimento animal en granxas que son igualiño que penais para gando maltratado.

Estas accións –entre outras, non referidas á produción gandeira– están comtempladas no Plan de España para a transición ecolóxica, segundo a normativa emanada da UE e con financiamento comunitario. De feito, o obxectivo de garantir tendencia cara a unha economía verde e sostíbel é unha base para o uso dos fondos Next Generation de recuperación da actual crise. De aí a dicir ao bo do consumidor que non consuma "tanta carne" é igual que recomendarlle que non utilice a electricidade, que non use o turismo particular, que non consuma cervexas, que non xogue aos videoxogos ou que case polo rito celta.

O consumo responde a unha estrutura social que oferece uns bens e non outros e, entre os que si existen, o consumidor elixe –tamén en función do prezo dos bens , é dicir, da súa capacidade económica– do que hai no mercado, o que pode boamente –e sabe comprar. Unha boa orientación do consumo debería seguir dúas liñas que se autorreforcen: unha oferta axeitada ás necesidades fisiolóxicas e máis de saúde aceptábel dos consumidores e unha educación con coñecemento do consumo conveniente para os futuros demandantes. A educación sen produción e oferta aceptábel non serve de nada, e a oferta conveniente sen demandantes coñecedores ficaría tamén sen ser realizada.

Por que dicimos que o ministro de Consumo se equivocou? Porque non vale de nada dicir aos consumidores que non consuman algo se non dispoñen de alternativas, ben por prezo ou ben por imposibilidade de acceso. Unha salchicha é carne procesada (ultraprocesada), barata, accesíbel, fácil de preparar (non é necesario saber cociñar) e parece que pasa por comida. Un bistec de vitela galega pode custar por quilo o dobre ou triplo da salchicha. A cal das dúas carnes se refería o señor Garzón? Cal é a que se debería rebaixar en consumo? Toda carne é igual? Que propón a cambio de carne?