martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

Agarimo dos foráneos...

E CORRECTIVO disciplinario para os propios. É xeralmente admitido entre os economistas especializados en estrutura económica industrial, que hai situacións e procesos no complexo corpo industrial que precisan de subvencións. As razóns van desde recoñecer as necesidades de industria nacente (en espera de maduración para ser rendíbel) até procesos que por si mesmos nunca son rendíbeis (mineiría para a industria siderúrxica en conxunto) ou outras indispensábeis para complementar ou subministrar insumos a todas: produción de auga potable no seu caso, ou mesmo a conveniencia de garantir industria propia en bens considerados de primeira necesidade como pode ser a fabricación de antibióticos ou osíxeno medicinal. Estes casos non esgotan a listaxe de temas nin de distintas posibilidades de subvención nas diferentes economías e nos distintos momentos do seu devir económico, pero si ilustran casos comúns a moitos países na historia económica do capitalismo en Europa, en USA ou no Xapón por citar tres casos desemellantes entre si en evolución e máis en estrutura. No Estado español temos non obstante un caso particular/singular de uso dos fondos públicos en forma de subvencións a favor de industrias que non son propias: son as destinadas a empresas de capital estranxeiro, que non son estratéxicas para o conxunto da economía (si son interesantes para os seus titulares) nin tampouco son industrias nacentes. É inmoral desde a perspectiva da ética pública, xa que mesmo no mundo empresarial rexe unha ética nacida no propio ‘instinto’ de supervivencia dos negocios: se son rendíbeis permanecen, senón desaparecen e deixan lugar a outro uso do capital. O que non se lle ocorreu a outros Estados do entorno occidental é subvencionar capital de titularidade allea para que usando financiación pública (dos impostos de todos) realicen beneficios, repatríen os gaños e reinvistan onde consideren oportuno, pero non necesariamente aquí.

Para maior bulra dese principio de uso responsábel dos fondos públicos na Galiza sufrimos ou contemplamos atónitos como se regalan subvencións a compañías multinacionais de todo tipo, unhas en retirada, como Alcoa (USA)8,8 millóns de euros!!!, outras propiedade de fondos de investimento TPG-Itaka(USA) (2,5 millóns de euros). O asombro é maiúsculo porque ven adubiado por propaganda: xustifícase o feito de subvencionar a unha multinacional en recoñecemento dos postos de traballo criados como se dun donativo do amigo—estranxeiro simpatizante— se tratar. Para o capitalista foráneo mobilízanse tamén fondos para infraestruturas: portos, estradas, subministro de enerxía. Tamén facilidades impositivas, lexislación laboral acaída, exencións de taxas, preparación de formación laboral especializada... Todas e cada unha destas rúbricas de apoio público directo e indirecto reflicten casos concretos que teñen gozado en Galiza empresas estranxeiras desde Alcoa a Citröen pasando polos fondos norteamericanos hoxe propietarios de factorías antes de Villar Mir. A contradición máis importante vén ao observar a ausencia de tutela coidado e atención a unha parte ben necesaria da industria galega desaparecida ou unha outra non nacida e merecente de vida: desde a de transformación de madeira ou a de transformación de produtos agrogandeiros. É agora o momento de usar os fondos comunitarios de reconstrución en beneficio do emprego propio e de industrias sustentábeis.

Agarimo dos foráneos...
Comentarios