Opinión

A realidade de 'chicle'

Non é relevante aclarar este asunto, pero se cadra hai máis xente interesada e a cantidade conta sobre todo á hora dos votos eleitorais

NA OBSERVACIÓN dos feitos da realidade social hai moitas perspectivas. Unha das posíbeis é tratar de identificar os feitos sociais como se de obxectos materiais se trataren. Interesante desde un punto de vista científico, pero nos acontecementos políticos non dá resultado. Por exemplo, ao se producir unha defunción despois dunha enfermidade podemos aceptar dúas actas de defunción: parada cardíaca ou defunción polo remate do proceso patolóxico. Certamente, ao morrer, de calquera maneira o corazón para. Pero pódese afinar e anotar a causa de que o corazón se pare, que pode ser moi diversa. Esta digresión, aínda sen aparente importancia, si ten unha da que se poden derivar accións de política sanitaria, nunha ou noutra dirección. É moi distinto ter unha boa listaxe de paradas cardíacas en persoas de 40 anos que en persoas de 90; é diferente desde a responsabilidade sanitaria que a parada cardíaca se produza nun hospital despois dun proceso infeccioso; en fin, é para pensar nos problemas previos se a maioría dos que morren é de forma repentina e sen tratamento previo.

A anotación da causa da morte convén que se achegue o máis posíbel á causa inicial da parada cardíaca final, para informar aos responsábeis da política sanitaria, para mellorar a saúde da poboación, para contribuír a contar cunha poboación o máis sa posíbel; en fin, para cumprir ben as responsabilidades de goberno na área da saúde. Como non é interpretábel –salvo disputa científica– a causa da morte, convén achegarse ao seu rexisto de maneira obxectiva. En cambio, os feitos políticos están tan entreverados de interpretacións interesadas que resulta case imposíbel achegarse a eles de forma obxectiva, e cando se fai sempre haberá alguén que ouse opinar que tamén se debe a interese de parte. Así, por exemplo, pasa no tema da corrupción. Atopo unha gran necesidade de que os protagonistas da responsabilidade gobernativa española se poñan de acordo nun asunto: é boa a corrupción ou é detestábel. Eu fago esta petición para ter un ponto de partida e orientarme no xuízo dunha situación determinada: por exemplo, no momento presente. Se os responsábeis do goberno español —con minoría apoiada pola oposición— non ven que a corrupción lles poida afectar, que o digan con claridade; eu mesmo propoño que o expresen así: "un grau determinado de corrupción é soportábel; sempre convivimos con ela; ao final é como un leve constipado social e sempre se arranxa; todo o mundo é corrupto, uns máis e outros menos; só se detecta nos que temos poder; a representación política da clase dominante no Estado Español sempre se acompañou dun certo grau de corrupción e aquí estamos; as leis para cumprir son as que digamos nós, as outras é como cadre; o que hai aquí é moita envexa porque triunfamos nas eleicións e agora hai que facer a guerra política con isto…etc. etc.". Sei que non é relevante que me interese a min aclarar este asunto, pero se cadra hai máis xente interesada e a cantidade conta sobre todo á hora dos votos eleitorais.

Comentarios