sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

A intermodal e os trens

ANÚNCIASE O proxecto, en principio proxecto, acerca da construción dunha estación intermodal en Lugo: unha estación modo autobuses/ modo tren, nun só edificio ou complexo de servizos asociados ao transporte de persoas.

Os proxectos que chegan a unha cidade que carece de programa urbano de desenvolvemento (que é case como dicer un lugar no mundo con dirección propria), un proxecto novo, sexa do que for, é normalmente ben acollido, por non dicer con entusiasmo, aínda sabendo que é unha estación sen tren. En Lugo, por desgraza, ou por falta de programa estratéxico, en lugar de crecemento urbano, estase soportando estes últimos anos –e con máis virulencia o último– unha caída notábel de actividade económica no sector servizos, do comercio, de intermediarios financeiros, de caída de actividade nos servizos de sanidade privada e en certa medida no ensino (tamén privado).

Guiándonos só pola primeira impresión dunha observación superficial, semella que cada vez que se pecha un pequeno negocio por xubilación non atopa renovación. E tamén semella que cada vez que abre un estabelecemento dunha actividade nova, mesmo aparentemente anovadora, dura o tempo do aval do contrato de aluguer do local: 6 meses. Visto desde a perspectiva do estudo de viabilidade dun negocio, é perfeitamente explicábel que sexa unha chamada á ruína poder manter nos limites da rendibilidade requerida unha pequena distribución de produtos non singulares, fronte á grande distribución, que tanto en confección, en alimentación, como en drogaría, en roupa e artiluxios de deporte, están totalmente copados pola gran distribución. Os grandes distribuidores (compañías multinacionais ou empresas de tamaño medio moi grande) son capaces de chegar ao consumidor cunha estrutura de prezos inimaxinábel polo pequeno comercio: non hai competencia entre desiguais, xa que a capacidade de compra a provedores de calquera lugar do mundo faculta a esas compañías a negociaren prezos, calidades e cantidades de forma inalcanzábel para os comerciantes de escala individual. Só no caso da confección, calzado, perfumaría de marcas asociadas aos bens de luxo, queda espazo para o comercio proprio.

Esta descrición responde ao modelo dominado polo mercado no que o grande destrúe o pequeno. Pero existen outras posibilidades. Non é só nas cidades con gobernos con experiencia de plans estratéxicos como sucede en Euskadi: non hai nada que ocorra abaneado polos ventos do destino; existe unha planificación, un programa económico que abranxe desde o proxecto até a realización, axuda ou renovación para o comercio pequeno. Hai xa décadas que en Victoria, por exemplo, existe rexisto e salvagarda dos locais singulares que han ser conservados tal cal aínda cambiando de actividade: hai orgullo do proprio e garda dun patrimonio con valor histórico. Todo o mundo sabe, onde se sabe, que hoxe é imposíbel fabricar locais comerciais con madeiras nobres, con vidros artesanais, con pavimentos idem, con lámpadas de bronce ou con estucos artísticos. En Lugo non vale de nada hoxe chorar sobre o desaparecido como patrimonio, pero si cumpriría que alguén botase man da actividade económica desaparecida que non se repón e que significa empobrecemento (Continuará).

A intermodal e os trens
Comentarios