A AXENDA política deste país pode ‘petar’ en calquera momento. Hai tal nivel de estrés entre os nosos mandatarios, tanto acto, tanta acción e tanta especulación que non chegan os días para facer e ler os editoriais dos xornais. Que se Feijóo marcha, ou queda; que se imos á ofrenda ou se non imos; que se Esperanza, que se Cataluña, que se Twitter… E por riba, os novos gobernos parece que só pensan en bater récords de actuación, en facer máis que o anterior e con maior premura. Mentres, os 'mass media' están á carreira por ver quen pilla a cagada máis grande e en menos tempo. Tanta impaciencia e nerviosismo acaba por calar nunha, que xa non pode durmir tranquila pensando cal será o gran ‘hastag’ de mañá que, por suposto, traslade ao limbo do olvido ao tema do momento de hoxe.
Estou convencida de que estas présas non son boas para o lector, nin para o xornalista nin, por suposto, para o político ao que, claro, as poucas horas de sono por buscar cousas novas e rápidas lle xogan unha mala pasada e tanto pode acabar propoñendo brigadas de mamás limpiadoras, ou insistir no cariz lucrativo da Memoria Histórica. Carne de primeira para os ‘groupies’ da oposición e volta a empezar na espiral da impaciencia. Así que señores representantes, pensando na nosa saúde mental, recoméndolles que a próxima vez que visiten o bar do Congreso (por propoñer un sitio baratiño), en vez dun café ou o cubata a tres cincuenta, pidan unha valeriana, ¡por favor!