Opinión

Moda... ¿infantil?

CONFESO QUE leo revistas de moda. Si, ás veces dáme por aí. E non por seguir as tendencias senón máis ben por ver que se coce no mundiño e poder criticar con coñecemento de causa. Nunha das miñas pescudas atopei un artigo que eloxiaba á filla de Cindy Crawford, unha nena de trece anos (si, si, 13!!!), que “segue os pasos de súa nai” e xa fai os seus pinitos como modelo de publicidade.

Cando me puxen a ver as fotos... Meu Deus! En vez de sentir envexa polo seu corpo “escultural” (que para iso fan as revistas de moda), deume pena. Pena de que non poda ter unha infancia como a que merece calquera neno, pena de que con 13 anos, ou os que sexan, non poda comer un anaco de tarta de galletas con chocolate por medo a sobrepasar as medidas e pena de que os seus pais, coñecedores do que se move nesta industria, non sexan capaces de dicirlle: “Neniña, ata que sexas maior de idade, déixate de caralladas”. Claro que, para aquela, seguramente xa sexa demasiado vella.

Para completar esta tesitura decidín dar unha volta por ese gran cartel publicitario que é Instagram e, definitivamente, perdín a pouca fe que tiña na humanidade: rapazas de 16 anos que recorreron á cirurxía estética para aumentar os seus senos, cu ou beizos; cativas millonarias por lucir palmito diante dunha cámara sen máis aspiracións na vida que ser ricas e fermosas; e nenos e nenas aínda en idade de anunciar playmobils que xa pensan en rodar spots de colonias de Jean Paul Gaultier.

A moda, per se, non ten (case) nada de malo pero, sinceramente, creo que o factor idade se nos está indo das mans.

Comentarios