Opinión

Ao fresco do abano

QUE VIVIMOS nunha sociedade machista é máis que evidente, tanto así que ata se nota no aire acondicionado. A nova da semana pasada foi que os sistemas de refrixeración están pensados e programados para satisfacer os homes e os seus índices metabólicos. Non só non se teñen en conta as diferenzas fisiolóxicas, senón que tamén se obvian as diferenzas de vestiario e como no verán as mulleres tendemos a destapar as pernas e o 'canalillo', mentres moitos homes locen pantalón longo e incluso traxe con garabata. Así, claro, non hai aire acondicionado que lles chegue. Cal é a solución, entón, para que refresque a gusto de todos? Tendo en conta que eses aparellos infernais son malos para o quecemento global e que as correntes de aire frío provocan infinitos malestares no corpo humano (resíntese a gorxa, os oídos, as cervicais, os cadrís...), o ideal sería acordar a potencia, limitar as franxas horarias, reorganizar as oficinas para que lle dea máis aire a quen lle guste e menos a quen non o soporte e repartir abanos. Son baratos, ecolóxicos e de uso individual para que cada quen regule o seu propio confort higrotérmico.

Comentarios