Opinión

A normalidade anormal

HAI UNS días que, botándolle unha ollada á hemeroteca, nos apareceu diante unha reportaxe de hai case trinta anos no que unha muller instalada nese terreo esvaradío que é a mediana idade facía un perfil do seu marido en termos que hoxe nos parecerían, polo menos no debate público, censurables e vergoñentos. Dicía que era ela, e só ela, a que se ocupaba da casa e dos fillos, que el case non tiña presenza na vida diaria da familia, que lle prohibira usar roupa curta para saír á rúa porque fervía de ciumes e que, en definitiva, era bastante «moro» (palabras textuais). A descrición deste espécime das cavernas non correspondía a unha denuncia nin a protagonista a facía con ánimo de desenmascarar ante o mundo a quen a trataba así. Non, era unha descrición feita co convencemento de que o que estaba a relatar non é unha atrocidade, nin sequera unha anomalía. Coa seguridade de que a súa situación non pasaba de ser un caso común.

E a recuperación desta peza deunos para un acendido debate sobre o que alí se contaba. Sobre como aquela muller narraba a súa cotidianeidade sen preocupación nin queixa, como quen recolleu as súas palabras e tamén a maioría dos que as leron na páxina impresa despois pasaron por riba daquelas liñas sen que ningunha alarma saltara na súa cabeza.

Como pode ser?, nos preguntabamos. Ata que chegamos a unha conclusión máis ou menos unánime. Porque tanto esa muller como o resto do mundo estaban somerxidos nun sistema, nunha realidade, na que ese comportamento era a norma: tanto no sentido de seren un modelo de comportamento aceptado como un procedemento frecuente.

Entre as miradas que recolleron e leron a súa testemuña hai case trinta anos e as que o outro día se pousaron sobre a páxina da hemeroteca había tres décadas de diferenza, pero non tres décadas calquera, senón quizais as de maior loita contra o machismo e a violencia de xénero neste país. Porque eses comportamentos que eran aceptados e asumidos, hoxe en día, polo menos no discurso público (nos particulares e íntimos xa é outra cousa, nalgúns polo menos) empezan a chirriar.

Sei que esta é unha afirmación con moitos matices e que non é suficiente para cantar vitoria, sobre todo mentres siga habendo mulleres que morren ou sofren vítimas do machismo, pero tamén cómpre mirar atrás para ver que algo se avanzou. E que se un marido «moro» parece, en xeral, algo reprobable debémosllo á loita incansable polos dereitos das mulleres que vén facendo o feminismo. E aínda hai quen o considera o extremo oposto do machismo.

Comentarios