Opinión

A liberdade das débiles

O discurso neoliberal centra o debate da prostitución na liberdade das mulleres que a exercen, mágoa que os mesmos que no pasado tamén defendían esta liberdade para elas non o fixeran ademais coa súa liberdade para estudar, participar en política, elixir unha profesión coa que poder ser independentes ou decidir con quen compartir a vida: en definitiva, con aquela liberdade que as facía igual de fortes ca eles.

Pero a visión feminista é outra, porque todos os movementos de emancipación obrigan a dar un xiro de perspectiva para saír da hexemonía cultural que mantén ás vítimas alienadas, ou sexa, asumindo discursos de liberación como propios sen ter conciencia de que obedecen ós intereses dos verdugos.

A visión feminista desarma o mito da libre elección das prostitutas para poñer o foco na liberdade dos prostituidores e nas súas motivacións: por que tantos homes pensan que a satisfacción do seu desexo sexual debe estar garantida aínda á custa da escravitude e da trata de millóns de mulleres e nenas no mundo? Acaso lles preguntan se están aí porque queren cando van ós prostíbulos? Por que non senten ningún tipo de empatía por elas?

A falta de empatía sucede cando se é quen de deshumanizar á persoa que tes diante, e esta deshumanización das mulleres no ámbito sexual está en relación coa construción histórica do xénero: a masculinidade ordena que os teus desexos sexuais son urxentes necesidades e que tes dereito a satisfacelos utilizando o corpo dunha muller como instrumento, como se fose un obxecto. E para iso é preciso socializar ás mulleres no que Rosa Cobo chama a cultura da prostitución, unha cultura que establece un modelo normativo de feminidade centrado no atractivo sexual e na necesidade de agradar, por iso o ideal de muller segue aparecendo hipersexualizado. 

A identidade feminina (desposuída da categoría de suxeito) foi modelada en función dos intereses e dos desexos dos varóns, unha trama cuxos ecos aínda resoan con demasiada frecuencia nos relatos do presente

O proceso de cousificación da muller ten unha larga tradición teórica tamén na filosofía, que xeralmente se axustaba ós tópicos dominantes. A inmensa maioría dos pensadores que conforman o canon xustificaron esa consideración, de tal forma que temos que acudir a fontes marxinais para atopar algún disidente, xa que o propio patriarcado se encargou de seleccionar e consolidar ós da súa ortodoxia.

Vexamos unha pequena mostra. Se miramos ós clásicos, a referencia a Aristóteles é obrigada: conceptualizaba á muller como un ser pasivo e alóxico —características propias do puramente material—, e ó home como activo e dotado de intelecto —segundo corresponde ó principio formal—.

Por suposto, o pensamento medieval reforzou a visión inerte e cousificada da muller, que ademais encarnaba os vicios da luxuria e da lascivia. Pero se avanzamos ata a Época Ilustrada, antitradicionalista e crítica, a cousa non mellora: Rousseau afirma que a muller foi creada pola natureza para someterse ó home e proporcionarlle pracer; e Kant considera o matrimonio como unha relación característica do «dereito persoal de natureza real», que consistía en posuír un obxecto externo como unha cousa e usalo como unha persoa, reducindo así a muller á categoría de propiedade doméstica.

E que dicir do século XIX, da misoxinia romántica: para Schopenhauer somos a trampa que a natureza lle tende ó home para perpetuarse; para Kierkagaard, seres vexetativos, sen existencia propia, cuxo verdadeiro fin é o de ser para outros; e Nietzsche sentenciaba que «o home debe ser educado para a guerra e a muller para solaz do guerreiro: todo o demais son parvadas».

Estas reflexións aparecen nas obras máis influentes da nosa tradición filosófica, e podemos atopar a súa simetría nas obras científicas, literarias ou artísticas: este é o lugar de onde vimos.

A identidade feminina (desposuída da categoría de suxeito) foise urdindo nesta trama cultural, modelada en función dos intereses e dos desexos dos varóns, unha trama cuxos ecos aínda resoan con demasiada frecuencia nos relatos do presente. De verdade podemos xustificar o exercicio da prostitución como un acto de liberdade das mulleres?

Comentarios