miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Carta a Zuckerberg

A miña maior fortuna está gardada nun mundo virtual. Querido Zuckerberg, o metaverso xa está inventado, levo accedendo a el desde que teño consciencia, e entro e saio cando quero sen necesidade de ningún aparello. Respiro nel sen dificultade a fragancia do tomiño, do ourego e da manzanilla; gozo das conversas con recendo a primavera en largos paseos polos camiños da infancia; e déixome levar polo rumor do vento ou da auga nas súas múltiples maneiras de envolver os meus sentidos.

Sorprendeume que un señor chamado Proust utilizase tamén unha das miñas claves, o olor dunha madalena (é que a miña nai facía unhas riquísimas de manteiga), pero isto non supón ningún problema porque as claves personalízanse nada máis activalas. Con isto aínda non deron os tecnólogos, supoño que é demasiado complexo, pero os poetas hai tempo que o descubriron.
Non sei, pero eu, de momento, vou seguir co meu sistema rudimentario chamado imaxinación. Seguramente o teu ten moitas e boas utilidades que nos farán a vida máis fácil nalgún sentido; pero con respecto á felicidade, e mentres a ciencia non demostre o contrario, confío máis na dilatada experiencia da poesía. Xa sabes… pura resistencia ós cambios.

Outra cuestión que me preocupa é se as palabras perderán parte do seu poder, porque o teu mundo non necesita doutra cousa que non sexa a resposta inmediata do corpo ante un estímulo. Perderemos a maxia que os antigos lle atribuían á lectura?

Naqueles tempos líase en voz alta, xa que se pensaba que facer soar as letras era una maneira de revivir o espírito de quen as escribía que, dalgún xeito, se apoderaba da nosa voz para expresarse. É certo: cando lemos experimentamos a proximidade do autor ou da autora e acompañámonos por lugares comúns. Desprezaremos ou incluso ata chegaremos a perder esa capacidade? Acabaremos seducidos polo encanto da túa proposta de hiperexcitación?

Xa sei que a irrupción tecnolóxica non é nada novo, e que cada invento se coou nas nosas vidas poñéndoo todo patas arriba para logo normalizarse. Haberá que esperar para ver se a túa descuberta segue o mesmo camiño, se é que chega a realizarse; pero dubido moito que teña o poder suficiente para encher os ollos e o corazón de paisaxes como fan as palabras.

Vai todo tan rápido… Cres necesario quitarnos xa a ilusión por soñar?

Supoño que xa sabes que tes una gran responsabilidade, que estás obrigado a obrar de tal maneira que os efectos da túa acción tecnolóxica sexan compatibles coa permanencia dunha vida autenticamente humana sobre a Terra. Nada menos! Autenticamente humana! Ti sabes o que iso significa?... Non me gustaría estar no teu lugar. Non debe ser fácil tomar unha decisión sabendo que estás apostando os intereses de todos no teu xogo, e que as xeracións actuais temos un compromiso ético con respecto ás futuras. A ética pode chegar a ser unha pesada carga, verdade?

Por se che serve de axuda, o filósofo que enunciou este principio (Hans Jonas) suxería que de houber varias posibles consecuencias do emprego dunha tecnoloxía, debería decidirse sempre en función da hipótese máis pesimista. A min paréceme bastante sensato. Creo que se refería á humildade e á dúbida, e mesmo á arte de vivir xuntos. 

Pero, en fin… Non te enredo máis, que sei que te deixo intranquilo. Despois de todo, tamén tes razón que ás veces dan ganas de poñer unhas lentes e desaparecer. Que podería pasar? 

Carta a Zuckerberg
Comentarios