Viernes. 24.05.2019 |
El tiempo
Viernes. 24.05.2019
El tiempo

Fina vai a Mondoñedo

Terra rica en patacas, auga e latín! Sentenza que se pode ler na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro. Fina quedou marabillada, perdida polos andares brancos da rehabilitada construción onde viviu o escritor. Tras as ventás vese "a gran flor submarina", como lle chamou ao rosetón catedralicio Otero Pedrayo. A maciza seo mondoniense envolve ao peregrino ou camiñante que entra na praza. A fachada de tripla oxiva, entre dúas torres —de campás e reloxo—, aparece coroada por San Rosendo. O balbordo do grupo de antigos alumnos da Universidade de Santiago, que visitaba o recente centro cunqueirán, esperta a Fina dos seus pensamentos. 

Agora toca paseo polo casco histórico con estrea incluída: audioguías en galego. Uns e outros espállanse con aspecto de marcianos conectados á nave nodriza, miran con cara de parvos a un lado e a outro, e cando se cruzan a vista fan como se non se coñecesen. Baixan polo Seminario, hoxe hospedaxe xestionada polo Bispado, e soben pola Fonte Vella, en pleno Camiño de Santiago. Jose túmbase no ollo traseiro na procura dunha instantánea, que sae enmarcada en pedra de cantería. Tras reparar na casa natal do autor de Merlín e familia, a do Pallarego —o seu barbeiro de cámara— e a botica de seu pai, os camiñantes composteláns descubren as rúas altas por onde está o novo mercado de abastos. Casas e casonas, con largas portas e acaídas fiestras de madeira, evocan os tempos dos feiróns das San Lucas. Fina e compañeiros mercan a típica tarta de améndoa e cabelo. Hummm, que delicia! 

A xornada matinal discorrera pola ruta da auga, paralela ao rego de Valiñadares, ata chegar á cova do rei Cintolo, un complexo kárstico preñado de estalactitas, coladas, un lago... Pero o grupiño de atrás erra a senda e aparece en A Casería, en vez de en Sopena. Baixo o sol do mediodía reciben aos penitentes Milagros, Antonia e Mirta —esta última natural de Paraguai—, simpáticas mulleres que charlan con eles, antes de volveren sobre os seus pasos, resignados, ao sitio que lle chaman as canteiras. Xestas e frores marelas crecen, altas, nas beiras do camiño. 

O xantar na taberna O Valeco xúntaos con veciños e turistas. Unha inspirada Fina, natural de Viveiro e veciña de Santiago, le a lenda da Ponte do Pasatempo, usando a guía literaria de Armando Requeixo, outro paisano ilustrado da vila. A ovación do comedor foi xeral. A media tarde a alcaldesa da localidade, Elena Candia, despide, agarimosa, aos visitantes xacobeos e noméaos embaixadores de Mondoñedo.
 

Fina vai a Mondoñedo
Comentarios