Nesta sección tense reflexionado, desde diversos enfoques, sobre un fenómeno preocupante das sociedades dixitais tardocapitalistas: a rotura da relación entre as palabras e as cousas. Ou, por outras palabras, entre a linguaxe e a experiencia.
Certamente, un dos efectos da reflexión filosófica é curtocircuitar, por uns momentos, a asignación ordinaria de significados aos acontecementos. O obxectivo é darlle unha volta á experiencia das cousas que os suxeitos teñen e manteñen, para que poida xurdir unha nova configuración da experiencia cotiá, isto é, a visión e audición de ángulos que, por causa da velocidade dos sucesos, fican escuros e inaudibles. Os ideais éticos, as utopías políticas, as loitas polas diversas emancipacións, nacen grazas a esta renovada asignación de sentidos. Mais, sempre coa premisa de partir da experiencia para retornar a ela. Curtocircuitar non é romper. É revisar, redistribuír e volver a revisar. Unha tarefa reflexiva que nunca remata.
Pola contra, a sociedade actual semella que, ás veces, sitúase a si mesma na pendente esvaradía de suspender de maneira definitiva a validez do vínculo que une a realidade e a experiencia que os suxeitos teñen dela, transformando este vínculo en produto da imaxinación creadora de cadaquén. Dun xeito temerario para a convivencia pacífica, tende a anular a relación entre as palabras e as cousas, substituíndoa por ideacións irreflexivas. A acción, a natureza, a arte, a política, a sociedade, todo semella que pode destruírse e reconstruíse desde cero, sen máis, sen contar coa experiencia que delas facemos. Practícase unha suspensión ‘sine die’ da validez das relacións significativas que establecemos entre as palabras e as cousas, entre as persoas tamén, para, a contratempo, abrirse a un sensentido. Cal?
As sociedades entréganse, sen pudor nin rubor, ás forzas que desfibran o seu fráxil tecido para recoselo segundo intereses non declarados en público e para o público
A experiencia común ditamina que a cada obxecto lle corresponde necesariamente unha determinada experiencia. Forman un sistema de correlacións que pode ser descrito pola socioloxía, antropoloxía, filosofía. Certamente, a maneira de aparecer de cada obxecto é posible que sexa diferente. Por exemplo, o aparecer dos obxectos da imaxinación (intermitente, proteiforme) non é o aparecer dos percibidos polos cinco sentidos (estables, formados). O aparecer dos obxectos históricos (temporais, esquivos) non é o dos obxectos matemáticos (intemporais, subsistentes). Con todo, a tarefa dunha socialización de tipo construtivo é reconducir as cousas á experiencia que todos temos delas, facelas reaparecer en feixes de experiencias recoñecibles e comunicables, ás veces inéditas, inclusive máis ricas e, sobre todo, cunha densidade que cada suxeito pode explorar ao longo da súa biografía cun gran beneficio para o seu benestar persoal. Porén, hai un tipo de socialización que pode ser cualificada de destrutiva porque despeza a experiencia en múltiples anacos non reconciliables. Cada un deles, sendo singular, é elevado ao rango do máis valioso. Ese tipo de socialización, por exemplo, impulsa a cada suxeito a confundir as súas sensacións co valor moral real dunha acción, a equiparar a intensidade dun afecto coa presenza da realidade, a solicitarlle ás cousas que se adapten á súa propia idiosincrasia.
A socialización destrutiva, que aniquila o vínculo ordinario entre as palabras e as cousas, converte a cada suxeito nun individuo con dificultades para responder á preocupación polos demais, ao diálogo entre o propio e o alleo, á interculturalidade e á paz. Isto é, transfórmao nun ser impotente para responder a algo, sexa o que sexa. Por que isto é importante? Porque o pensamento e a acción humana teñen unha estrutura ‘responsiva’: xorden na resposta a algo que os supera, reborda, transcende. Por exemplo, o terror, a brutalidade, as violencias. Tamén a bondade, o sacrificio, a doazón. Cando isto que reborda ao suxeito fica sen resposta, a experiencia se esteriliza, as cousas perden espesura, as palabras deixan de ter sentido. As sociedades entréganse, sen pudor nin rubor, ás forzas que desfibran o seu fráxil tecido para recoselo segundo intereses non declarados en público e para o público.