Opinión

O final do debate público

Nas sociedades democráticas o propósito da ética xeral e das éticas aplicadas non é proporcionar un sistema pechado de solucións normativas aos problemas que o dereito, a política e a tecnoloxía non son capaces de resolver. Por exemplo, no relativo á vida humana aparecen cuestións debatibles: eutanasia, aborto, estatuto do embrión, terapia xénica, experimentación clínica, transxénese, implantes non necesarios que potencian facultades, entre outros. Certamente, nestes casos, as sociedades democráticas tenden a dotarse de cadros establecidos por regulamentos xurídicos e protocolos clínicos. Con todo, non son suficientes. Nun contexto social caracterizado por un intenso pluralismo de valores morais: como resolver os anteditos problemas? Como manexar o pluralismo moral?

É preciso afastarse de dous riscos. O primeiro é o disenso preguizoso ou agresivo. Aparece cando cadaquén se contenta con afirmar as súas conviccións, convertendo o diálogo nunha secuencia de monólogos estériles. As persoas non se prestan a deliberar con calma, non se abren á escoita activa, ao encontro de converxencias mínimas. Contemplámolo acotío nos ‘debates’ televisivos e redes sociais. O segundo risco é o consenso aparente ou forzado. Xorde cando na conclusión do diálogo non se recollen os puntos de diverxencia durante o curso da discusión. Pode ser operativo, mais desde o punto de vista ético é reducionista. En suma, o disenso preguizoso (ou agresivo) e o consenso aparente (ou forzado) tende a rematar coa alma cívica da democracia deliberativa: o debate público.

A práctica da discusión pluralista require a capacidade de tomar distancia con relación ás propias conviccións. Non se trata de renunciar aos valores persoais, senón de estar disposto a tornalos explícitos, entender as obxeccións, deitar luz sobre a propia postura, modificala se é preciso e reiniciar o proceso de escoita activa. Distanciarse, relativizar as propias crenzas, é un exercicio que persegue un ben: o acordo razoablemente operativo para a convivencia. Non obstante, este procedemento, de clara cerna democrática, está ameazado por tres factores.

A práctica da discusión pluralista require a capacidade de tomar distancia con relación ás propias conviccións

A primeiro é a vontade de botar fóra do ámbito público certas controversias por considerarse irresolubles. Todo aquilo sobre o que non se acha consenso, expúlsase á esfera privada, intima. O asunto desaparece e deixa de formar parte da axenda do debate público. Mais, abandonados á esfera privada, son causa de angustia, desesperanza e frustración. Eis, por exemplo, o que pretende evitar o debate público sobre a lei da eutanasia malia as incomodidades que poida suscitar nalgunhas persoas.

O segundo é a complexidade dos asuntos. Moitas persoas sosteñen que a deliberación sobre algúns temas de interese público (por exemplo, a utilización eficiente das cargas e recursos sanitarios) hai que deixala en mans de técnicos e xestores. Esta estratexia de avaliación e decisión furta ás cidadanías datos, informacións e, sobre todo, coñecemento dos procedementos de decisión que son relevantes para facerse un xuízo xusto e ponderado de como facer unha distribución de cargas e recursos segundo o principio da xustiza redistributiva.

O terceiro obstáculo é o máis importante: a falta de tempo para deliberar. As dinámicas laborais intensivas, a explotación e precarización no traballo, a fatiga física e mental, a mala calidade do descanso, a saturación de actividades dixitais, o forzamento capitalista do humano para que se achegue á velocidade de procesamento de información das máquinas, fan imposible un razoamento práctico que require sosego, equilibrio e prudencia. De continuar así, será o algoritmo dunha máquina quen tome as decisións. A utopía transhumanista así o propón. Mais que ninguén se engane: serán decisións programadas por axentes invisibles e axencias descoñecidas interesadas en poñer fin ao debate público.

Comentarios