Opinión

Vivir no rural

EXISTEN PROBLEMAS dos que moitos non nos damos conta, porque non os sufrimos. Nacín nunha aldea. Das pequenas. Non nunha desas de bo tamaño, con casas desperdigadas en barrios e con moitos -cada vez menos, supoño- veciños. Non, nunha moi pequena e na que agora non queda practicamente ninguén. Sen embargo, nunca tivemos os problemas que se denuncian noutros sitios: a potencia de luz é boa e case nunca falta, a traída da auga tamén é boa, internet funciona sen problemas e os móviles teñen cobertura dabondo. E os accesos están ben. Non entendo que se poda vivir doutro xeito. Que por ser do rural teñas que ter menos prestacións que o resto. Pero pasa. Aínda hai zonas do rural que non contan con bos servizos. Como ter unha casa sen acceso para un coche a que non pode chegar unha ambulancia. De verdade isto pode pasar no século XXI? Pode e pasa. E non debería. Non debería porque todos temos os mesmos dereitos. Porque os deberes tamén os temos todos igual. E non debería porque a xente que está ahí arriba para xestionar os nosos recursos tería que andar máis pola rúa, porque é fóra onde se ven os problemas da xente e non nos despachos.

Comentarios