Opinión

Sinal de identidade

NESTES DÍAS nos que moito se fala de letras en galego escoitei dicir que si hoxe Álvaro Cunqueiro se tivera que examinar de galego no bacharelato suspendería o exame. Faríao Cunqueiro e Castelao e Rosalía e Otero Pedrayo e Ánxel Fole e mesmo Carlos Casares. Eu tamén (de feito é posible que nesta columna poda ir máis dun erro). O que fai evolucionar unha lingua é o seu uso, pero o galego segue sen usarse e as súas normas vanse cambiando segundo o que debería ter sido e non foi e resulta un galego tan académico, que non se escoita na rúa. Na rúa escoitase o galego conservado dende sempre e que é diferente segundo a zona. Hai tantos galegos como recunchos ten Galicia e esa é a riqueza do noso idioma. Pero eses galegos vanse perder, porque distan moito do académico. Dese galego que se conservará nos libros, pero que nunca se escoitará. Como galego falante dende sempre, dame mágoa escoitar falando galego á xente que o fala por obriga: porque son representantes públicos ou porque llelo esixe un guión. Ninguén debería falar o galego por obrigación, debería falalo porque lle sae de dentro, porque forma parte da súa identidade.

Comentarios